martes, 4 de febreiro de 2014

Apuntes de Toponimia do Concello de Mañón





Esta páxina achega un estudo toponímico das distintas parroquias do concello. Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade pola toponimia, un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia, aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome.
Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente.

Achego ligazón a páxina web con imaxes dalgúns dos lugares mencionados >>> aquí
_________________________________________________

A ADRA DA BOUZA (As Grañas do Sor)
Unha "adra" é "a parte que correspondeu a cada veciño cando se dividiu un monte comunal". Neste caso sería a parte obtida dunha bouza (=terreo que está a monte, matorral, terra inculta). Cf. aquí.

 A ALCAIRA (As Grañas do Sor)
Talvez relacionado co árabe alqaríyya, en portugués alcaria, e en castelán alcairía ou alquería. Existe en Coriscada (NE de Portugal) o nome "alcaira", ao que se atribúe unha orixe referida a "casa campestre para gardar instrumentos de laboura" (cf. aquí e aquí).

Aínda que no territorio galego semellaría pouco probable os topónimos de orixe árabe, non se pode desbotar, tal como se indica para "A Arrufana", tamén nas Grañas do Sor.

En portugués denomínanse "algar", tamén e orixe árabe, "a cortadura dos montes e a qualquer outra profundidade onde se ajuntam e escondem as águas" (cf. Viterbo), e no portugués moderno "caverna, furna", "cova ou barranco cavado pelas chuvas ou pelas torrentes" (cf. aquí).

Aínda que máis improbable, podemos pensar no apelativo "algaria", como topónimo tamén existe en"A Veiga da Algaria" en Adelán (Alfoz), e que figura no dicionario de Aníbal Otero como "úsase só en frases do tipo: Mole coma a algaria; cocido coma a algaria, para indicar que algo está moi brando". Podería, xa que logo, referirse a un terreo mol, brando.
Por outro lado, podería tratarse un zoónimo: Constantino García recolle para "algaria" a acepcion de "garduña", e Rivas Quintas, para "algaria" e "algaira" a de xineta "Gineta, especie de gato montés grande y de cola muy larga que todavía hay por estos montes", o cal tamén pode encaixar nun topónimo. 

A ANIVERSARIA (Mañón)
O termo "aniversaria" é sinónimo de "aniversario", e indicaría que o terreo ou lugar foi deixado en herdanza coa obriga dunha renda anual, a pagar nunha determinada data do santoral.

En efecto, era relativamente frecuente que os testamentos establecesen a obriga anual aos herdeiros, de dar misas de "aniversaria" polo finado, ou esmola aos pobres, e incluíndo tamén por veces a cesión de foxa para o enterramento, na igrexa ou no camposanto. Por veces esta obriga quedaba en forma dun foro ligado ao terreo testado. Esta tradición, co mesmo nome, deuse non só en Galiza senón en Portugal (cf. "anniversaria", en Viterbo, "Elucidário"), ou en Asturias (cf. aquí), etc.

Aínda que nos dicionarios actuais de galego non figura "aniversaria", si figura no galego medieval, tanto "aniversaria" como "universaria". Así por ex. en 1284 "sobre razon da uniuerssaria... por razon da uniuerssaria" (cf. R. Lorenzo, 1977, "La traducción gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla". Vol. II).
Tamén figura no portugués medieval, así en 1314 "hajão os conegos huum maravidil cad' anno por nossa anniversaria" (cf. s.v. Viterbo, "Elucidário").

É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, así dáse en Ribadeo, Burela, Mañón, As Somozas, San Sadurniño, Ferreira, etc.

A ARRUFANA (As Grañas do Sor)
Significado e orixe incertas.
Podería ser derivado do verbo arrufar, e corresponder cun alcume de "a fachendosa", "persoa con ira". A terminación -ana parece confirmar o senso despectivo, relativo ao verbo arrufar, xa recollido nas Cantigas de Santa María. Xa Sobreira rexistra no século XVIII o termo arrufaynado como "o que anda garifo, alegre e contento".
Porén, o elemento "-ana" tamén está relacionado noutros casos con apelativos de orixe prerromana, tais como "cabana", "pestana".

Alternativamente, hai quen relaciona os termos "arrufana" e "arrifana" co apelativo árabe ar-rayhan, referido á planta da familia do mirto. Partindo da existencia deste topónimo, derivan a hipótese dunha posíbel inmigración ou repoboación mourisca. Cf. aquí.
Non sería un caso illado: así por exemplo no viciño Ambosores atopamos o lugar "O Mouriscón", ou "Mouriscos" en Fazouro.Esta orixe no léxico árabe tamén podería ocorrer nos casos doutros topónimos deste concello, como "A Alcaia" e "A Alcaira". 

Botamos en falta un estudo amplo que nos fale da repoboación mourisca en Galiza. Significativo ou non, deixamos o apunte feito nun estudo ao respecto en León que di que "os montes con nome de antigo posesor mozárabe abundan na montaña leonesa", cf. aquí e en V. Aguilar e F. Rodríguez , "Antroponimía de origen árabe (Siglos VIII - XIII)" in "El reino de León en la Alta Edad Media, VI", 497-641.
Existen outros topónimos "Arrufana" en Marín e en Mos (Pontevedra), así como un "Arrifana" en Ramirás (Ourense).

A ÁSPERA (Bares)
O termo "áspera" ou "aspra" refere a terreo de bouza, ou terreo escarpado, alén do significado relativo a "terreo áspero". Viría de "(terra) áspera", ou incluso do latín "aspera loca" (cf. p. 306 de A. Moralejo, 1977. "Toponimia gallega y leonesa").
É un topónimo frecuente en Galiza. Hai outro cercano nas Negradas.

A AVESURA (As Grañas do Sor)
É un topónimo moi abundante en Galiza, aínda que con significado incerto. Posiblemente derivado de "vesar", "arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego" (cf. aquí).
Alternativamente de "avesura", relativo a lugar vesío.


A BARALLOCA (Mogor)
Ao estar este topónimo nun nome na encosta, na beiramar, podería corresponder co peixe dese nome, parecido ao pinto.
Trátase, sen dúbida, dun topónimo de orixe prerromana, co común sufixo -okka, con valor diminutivo ou despectivo. Aínda que non é citado por Bascuas, cremos que, dada a situación na beiramar, e tendo en conta a morfoloxía claramente prerromana indoeuropea, é probabel que derivade dunha forma similar a *vara-li-okka, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'.

A BARCIA (varios, en Mañón, As Grañas, etc)
Unha barcia é un terreo chan e cultivado, un campo chan (cf. aquí), moitas veces ao pé dun río. Orixinariamente significaba algo como "terreo de cultivo proximo a río" (cf. aquí), e despois significou "terra próxima a río e que se inunda". Descoñecemos estes casos concretos.
Canto á súa orixe, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con "b" foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" e "Barxa" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz extendida no celta. Cf. pp. 154-155 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

A BARREIRA DA CONDOMIÑA (Bares -lugar da Vila de Bares)
Barreira en condominio, do latín condominia: terras cuxo dominio é compartido entre varios donos.

A BIMBORRA (Bares)
Descoñecemos orixe e significado. Tal vez relacionado con "bimbarra" (="palanca").


A CADEIRA (Mogor)
Unha cadeira (do latín cathedra) designa un“banco triangular de tres pés, así como a parte do corpo.
Interpretaríase, en toponimia, como unha metáfora oronímica, referida á forma do lugar. 


A CALEIRA (As Grañas do Sor, Mañón)
Indica un "lugar onde se extrai o cal, ou forno onde se queima o cal". Cf. aquí.
Aínda que o apelativo "caleira tamén corresponde co nome dunha planta, é improbable que sexa esta a interpretación correcta, sería extraño que un topónimo tan frecuente referise ao nome singular dunha planta sen uso especialmente relevante.

A CAMPOSA (Mogor -lugar de Pumar de Vale)
O termo "camposa" indica un campo grande e chan (cf. DdD).

A CANDA (Mañón -lugar do Morao)
Os apelativos "canda" e "cando" son sinónimos de "garabullo". Ver entrada "Candedo".

 A CARRANQUEIRA (Mañón)
Ver "O Carranco".

A CATADOIRA (Mañón), OS CATADOIROS (Mañón)
Podería ser "captatoria", posto de "observación" ou de "caza". Existen outras, por exemplo na Régoa (Cedeira), e Catadoiro en Vieiro.

Alternativamente de orixe prerromana, baseada na raíz *kat(t)-, ver >>entrada do blogue referida a "Pena da Cataverna" para outras interpretacións.

A CHOUSA de CARDELLE (As Ribeiras do Sor)
Chousa dun posuidor de apelido "Cardelle", que á súa vez proviría de (uilla) Cardelli, forma en xenitivo de Cardellus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Por outro lado, J. Piel deriva o antrotopónimo homónimo portugués Cardelhe do nome Cardellus, este á súa vez derivado de Gardila, coa raíz gótica *gards 'quinta, casa'. Cf. p. 234, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II.
É interesante notar que este apelido "Cardelle" semella, neste caso, orixinario do concello de Mañón: é un apelido que non se atopa en ningún outro concello do norte da Galiza, e a frecuencia con que se dá no concello de Mañón non se dá en ningun outro de Galiza. cf. aquí.

A CHOUSA do AROVELLO (Mañón)
Ver "Arovello".

A COCA (Mañón)
Orixe incerta, posiblemente pre-romana.
Copiamos o extracto de E. Rivera que indica que o emperador romano Teodosio puido ter sido veciño desta Coca e non da de Valladolid:
"O emperador Teodosio o Grande, é de natureza española. Se ben que os historiadores so saben que naceu nun pobo chamado Cauca, e por existir en Segovia a aldea de Coca, atribúeno á tal provincia. Nembargantes os escritores contemporáneos coinciden en opinar que non pode ser en Segovia (así o P. Flórez, Francisco Jose Velozo, etc.) Por outra parte hai fundamento dabondo para situar a berce de Teodosio na aldea de Coca de Mañón: Teodosio morreu no ano 395, e no 379 o Bispo de Chaves, Hidacio, escribiu unha crónica na que di: Teodosio, de nacionalidade hispana, pero oriúndo de Cauca, que é un concello de Galicia, foi nomeado Augusto por Graciano. ...". Cf. aquí

"Coca" é tamén o nome que recibía desde a Idade Media un dragón exhibido nas festividades do Corpus en Galicia, análogo á "Tarasca" doutras partes do estado. Cf. aquí.
Sarmiento fala da "coca" como unha pasta feita con grans de "calzamo" e que se usaba para matar o peixe. Cf. aquí.

A COITELA PEADA (Mañón)
Probabelmente se trate dun nome metafórico para designar un "Monte escarpado e peado", sendo "coitela" polo escarpada que é a serra. O adxetivo "peada" ("encostada") parece confirmar esta interpretación.

A CONGOSTRA (As Grañas do Sor, Mañón)
A palabra vén do latín congusta, "estreita". Cf. aquí.
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de "corgo, córrego".

A COMBARREIRA (As Grañas do Sor)
Significado incerto.
"Combarro" é unha palabra de orixe pre-romana (*comb- + -arro), e significa "alpendre" en algunhas zonas. Neste caso, combarreira, non ofrece interpretación clara neste senso.
Combar significa "torcer", "encorvar".

A CORNA (As Grañas do Sor)
Posiblemente referido a lugar pedregoso, que tamén parece encaixar no caso da "Pena da Corna", nas Grañas.
Cabeza Quiles interpréta os topónimos Corn-, Carn- como de orixe céltica ou precéltica, derivado do tema *kar- 'pedra, zona rochosa'. Cf. F. Cabeza "A toponimia celta de Galicia", 2014. Por outro lado, Navaza, para topónimos similares, apunta a un termo derivado de "corno" nun senso metafórico orográfico. Cf. aquí.

A CORTIÑA (As Grañas do Sor, Mañón)
Do latín tardío cohors ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina‘cortiña’ e cohorticulum ‘cortello’.
As cortiñas son leiras, que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos ben traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

A COSTA de MAEDA (Bares)
Posiblemente o significado en galego de "maeda" corresponda co rexistrado en asturiano, co significado de "pastizal en terreno pendiente", o cal parece encaixar tamén neste caso, así como tamén no "Couce de Maeda". Cf. aquí ou aquí.
Alternativamente, deixamos como apunte a existencia doutro lugar atestado no ano 998 como "Sancto Iohannes de Amaneta" (cf. Tombo vello de Lugo). Descoñecemos se teñen realmente a mesma orixe etimolóxica.

A modo de anecdota, indicar que, a poucos metros de Punta Maeda, un submarino alemán U-966 foi a pique o 10 de novembro de 1943, despois de ser atacado por catro avións aliados.


A COSTA do CASAL (Bares)
O termo "casal", do latín casalem, designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares e terras darredor. Representaba daquela un tipo de poboamento rural. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.


A COSTA do CERNADO (As Grañas do Sor)
Ver "O Cernado".

A COTORROIA (Bares)
Probablemente derivado de "cotorra", "coto pequeno", da voz prerromana *cott- 'lugar alto'.

A COVA do MALATO (As Grañas do Sor)
Posiblemente signifique "cova de persoa con doenza na pel" ("malato").
Hai outras interpretacións, como a dunha orixe prerromana, derivada da raíz indoeuropea *mel-.Ver entrada específica para máis detalle nesta ligazón.

A COVELA (Mañón, Mogor, etc)
O termo "covela", orixinariamente derivado como diminutivo de "cova", designa un "pequeno vale cóncavo formado na converxencia de dúas encostas peadas de monte". É, por tanto, un termo similar a "cale" ou "cal".

A CROA (Mañón)
O termo "croa" ven de "coroa", metáfora por "cima de monte redondeada", ás veces referindo a parte alta dun castro.

A CRUZ DO FAMEIRO (As Grañas do Sor)
Cruz situada ao rente dun agro chamado "do Fameiro".
Posiblemente "O Fameiro", veña do alcume dun antigo posuidor dese agro.

A DEVESA (Bares -lugar do Porto de Bares, Mogor)
Do latín terra defensa (terra resguardada, vedada). Significa "terras cercadas". Orixinariamente eran terras prohibidas para o pobo, do rei ou nobres, para cazar ou para explotación das árbores (carballos, etc).

A ESLOIVADA (Mañón)
Esloivada significaría "escorregadiza". Precisa confirmar a situación do lugar.

A ESTACA (Bares)
Lugar da punta do cabo máis setentrional da Península.
O termo "estaca" designa un "pau aguzado para chantar na terra", e daí, derivaría metafóricamente para "cabo, promontorio", definido como tal no "Vocabulario popular castelán-galego" (1926). Cf. aquí.

A ESTIBADA (As Grañas do Sor)
Xa Sarmiento indicou que unha estivada era “labor que consiste en rozar o monte, queimar a broza cortada, arar a terra e sementala de trigo ou centeo”. 
Concretamente, o termo "estivada" ten varias acepcións, relacionadas coas antigas "rozas":
  • o mesmo que "roza": operación de cavar un anaco de monte ou terreo inculto, xuntando a broza e facendo borralleiras para despois sementar trigo ou centeo. 
  • Terra na que foi feita unha roza despois de extenderse as borrallas desta. 
  • Peche dunha herdade con terróns. 
Para maior detalle, ver o estudo de Gonzalo Navaza aquí, así como a información indicada por E. Rodríguez Gonzalez aquí.

A FALCOEIRA (As Ribeiras do Sor)
Este topónimo xa foi estudado por J. Piel, relacionándoo con outros da península Ibérica, tales como os portugueses Falcão e Pena Falcão, o castelán La Falconera, o catalán Falcons, relacionados coas aves falcónidas. Cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik, i". 1967.
Igualmente explica Cabeza Quiles os topónimos "Punta Falcoeiro" e Illa Falcoeiro en Aguiño, ou Punta Falcoeira en Malpica. Cf. F. Cabeza, 1992, "Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a súa orixe e significado".
Na Mariña atopamos tamén "A Fraga Falcoeira" en San Cosme de Barreiros.

A FANEGA (As Grañas do Sor)
Unha "fanega" designa unha medida de capacidade. Antigamente tamén designaba unha medida de superficie. Indicaría, por tanto, un terreo que ocupa unha fanega de superficie ou que é capaz de dar unha fanega de trigo ou doutro cereal.

A FERVENZA (As Grañas do Sor)
Probabelmente indicando un "cachón", augas que caen en cascada.

A FIOSA (As Grañas do Sor)
O termo "fiosa" tén dúas acepcións: 1)"feosa", "feal", lugar onde abunda o "feo" (cast. heno), por veces coincidente cun prado. 2)Lugar resguardado, preto das cimas. Cf. aquí.

A FONTE CEGA (Mañón)
Hidrónimo de orixe prerromana, tal como se explica de seguido.
Podería pensarse no adxectivo "cega", do latín caecam, no senso de fonte "atascada, atrancada, tapada".
No entanto, é un caso infrecuente demais para todas as fontes e ríos "cegos que atopamos na bisbarra: ademais de en Mañón, atopamos "Fonte Cega" en Fazouro, Cangas, Nois, San Martiño de Mondoñedo, así como unha "Congostra Cega" no Valadouro (nunha zona de prados), ou o "Rego Cego" en Cordido.
Tendo en conta esta frecuencia en hidrónimos, e soamente en hidrónimos, semella probábel unha orixe distinta.
O filólogo E. Bascuas estudou este caso, aportando unha razón máis: no caso do "río Cego" (Valladolid) non ditongou en **Ciego, proba de ter unha orixe distinta.
En efecto, E. Bascuas interpretou estes hidrónimos como de orixe na forma prerromana *kei-ka, provinte da raíz indoeuropea *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou *kei- 'mover, moverse'. Cf. páx. 272 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

A FONTE do PIMPÍN (Mañón)
Probablemente de orixe en onomatopeia, indicando unha fonte de pouco caudal, que "pinga", polo cal se costuma pór unha "pimpela" pola que discorre o fío de auga.
O feito de haber lugares ou fontes "Pimpín" nas Ribeiras do Sor, en Mañón, en Celeiro, nas Negradas, etc, parece confirmar esta hipótese.
Esta hipótese parece confirmarse tendo en conta que en asturiano unha pimpana é unha fonte que mana gota a gota (=que pinga). Cf. aquí.

A FRÁDIGA (Mogor)
Unha "frádiga" é unha "casa de frades, convento". Tería pertencido este lugar, xa que logo, a un convento. O feito de que tal convento existiu, e aínda existe, en Mogor, parece confirmar esta interpretación.

A FRAGA da FILIPA (As Grañas do Sor)
A fraga dunha posuidora chamada "Filipa".

A GALIÑA (As Grañas do Sor)
Alén dun posible significado relativo a algunha anecdota ou lenda que descoñecemos, os topónimos "galo", "galiña" ou "galiñeiro", pese ao significado obvio de "ave", non parecen encaixar na maoiría dos dos casos, e moitas veces a súa localización está relacionada con formacións rochosas. Proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver "A Pena da Cataverna" >> aquí para máis detalles.


Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro" e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada.

A GARABULLA (As Grañas do Sor)
Garabullo (tamén "carabullo") é un pau pequeno e delgado.
En femenino, podería corresponder ben tratarse dun alcume (referido a "muller delgada"?), ou ben a "conxunto de garabullos" (="garabullada").
Nalgunhas zonas "garabulla" chámaselle a un pau de urce usado para alumar.


A GARITA (Bares)
Posiblemente relativo a un posto de vixiancia. Existen outros topónimos "garita" en moitos outros concellos galegos.

A GRANDARROIBA (As Grañas do Sor)
Posiblemente composto de "Gándara roiba".
O termo "gándara" ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan. As tres formas Gándara, Gandra, Granda son comúns en Galiza.
Neste caso, ao ser "roiba" ("ruba", vermella"), podería indicar un lugar de terras barrentas.

A GRAÑA dos CARUNCHOS (As Grañas do Sor)
O "caruncho" én un fungo que se reproduce nos grans do millo, do centeo ou do trigo. Viría do latín vulgar *curiunc'lu < curculiunculu (cf. Corominas)
Posiblemente neste caso "Caruncho" sexa xentilicio, dunha familia de apelido "Caruncho".
Sería por tanto "a granxa da familia dos Carunchos".

As GRAÑAS (As Grañas do Sor)
O termo "graña" ven do latín granea, granxa agrícola. Máis tarde chegaría a palabra "granxa".
É interesante resaltar que estas "grañas" eran moitas veces dependentes dun mosteiro, para o cal producían alimentos.

A INSUA (As Grañas do Sor)
Provén do latín insula 'illa, insua', que refere polo xeral, tanto no galego como no portugués, a unha illa ou península formada nun río.

A MENADOIRA (As Ribeiras do Sor)
O verbo "menar" significa "conducir, guiar", co cal significaría "a que guía, a guiadoira". Porén, descoñecemos o encaixe concreto deste significado co topónimo.

A MOA, A MOA VELLA (As Grañas do Sor)
Unha "moa" é unha pedra redonda, tanto a que se usa de pedra de muíño como a que se usa para afiar.
Probablemente estea referido a un penedo de forma de moa, redondo, ainda que descoñecemos o lugar concreto.
Por veces, o termo "moa" é tamén usado por extensión (sinécdoque) para designar o "muíño".

A PANDA (Mañón), A PANDA DO FOXO (As Grañas do Sor), A PANDA DA GRANDERROIBA (As Grañas do Sor)
Unha "panda" é un terreo combado ("pandado").

A PANDELLA (Bares -lugar da Vila de Bares)
Diminutivo de "Panda". Ver "A Panda".

A PARDIÑEIRA (Bares -lugar da Vila de Bares), AS PARDIÑEIRAS DE DENTRO (Mogor -lugar de Pumar de Vale)
Lugar deshabitado, similar a "pardiñeiro": casa arruinada e destartalada (cf. dicionario). En portugués existe pardieiro, co mesmo significado que "pardiñeiro".
Outra posible acepción é a de conxunto de "pardiñas" (devesa ou chousa, cf. dicionario), lugar de devesas.
O topónimo "Pardiñeira(s)" é frecuente en Galiza. En Mogor hai "As Pardiñeiras", en Riobarba e en Covas hai "A Pardiñeira", en Celeiro "Pardiñeiras", en Covas "Os Pardiñás", etc.

A PASADA (Mañón, As Grañas do Sor), A PASADA DO REGO (Mañón)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". Esta acepción consérvase na toponimia de toda a zona: en Viveiro, en Muras ("A Pasada do Río", "A Pasada do Portancho", "A Pasada do Cal do Medio", ..).


A PENA DA VELA (As Grañas do Sor)
Probablemente "vela" teña aquí a acepción de "vixía, sentinela", indicando posto de vixilancia.
Existe unha grande cantidade de topónimos "Pena da Vela" (e.g. en Muras e no Vicedo), "Monte da Vela", que confirman esta orixe. Descartamos, por esa razón e para este topónimo, asignarlle a orixe que Nicandro Ares propón para outra "Vela", derivándoo do antropónimo xermánico Vegila.

A PENA da SILGADA (As Grañas do Sor)
A orixe e o significado do nome "silgada" son incertos.
Relacionada coa Fonte da Silagada.

A PENA de BUSTELO (Mañón)
Bustelo é o diminutivo de "busto", "curral do gado (vacún)", "lugar para pasto", "rabaño de gado vacún".
O lingüista J. Piel matizou que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”, citando a Sarmiento, que xa adiantaba as mesmas ideas.
Gonzalo Navaza, na súa Toponimia de Catoira, di que os topónimos Busto e Bustelo naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor. Neste sentido, e seguindo a J. Moralejo, Miguel Costa deriva bustum do composto proto-céltico *bou-st-om 'estancia para as vacas' (cf. aquí), á súa vez derivado da raíz indoeuropea *gwōw- 'vaca' (IEW: 482).

A PENA do CARRAPUCHETE (As Ribeiras do Sor)
Carrapuchete deriva de "carrapucho", que pode ser un "carapucha" (=cast. "caperuza"), e por tanto aludir á forma da pena, ou ben indicar a existencia de "carrapuchos", unha planta, pode ser a Chondrus crispus ou ben o couselo. Cf. aquí.
Sería, posiblemente, "a pena con forma de pequena carapucha".

A PENA VERDE (As Grañas do Sor)
O termo "Verde" pode corresponder co significado transparente de "pena de cor verde", igual que existe "Penamoura", "Penarruba", "Penalba". Esta hipótese parécea confirmar a existencia do topónimo "Penas Verdes" no lugar de Curralvello.

Cremos descartábel, seguindo a opinión de Bascuas, a orixe alternativa que autores como N. Ares lle dan, num Pinnam Viridii, dun posuidor chamado Viridius, nome de orixe latina. En efecto, E. Bascuas rexeita totalmente esta orixe, tanto pola alta frecuencia de topónimos "Verde" (Vilaverde, Castroverde, etc) que "nada autoriza a supor que teña unha orixe e senso distinto do que parece [, referido á cor verde]". Cf. pp. 482 de E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17.

A PICHEIRA (As Grañas do Sor)
Coidamos que o significado é o de "cachón", "pequena fervenza". Así, existen en Galiza as fervenzas chamadas "A picheira da Seara" e "Picheira do Fócaro" en Quiroga, "A Picheira de Vieiros" en Ferramulín (Courel).
Aínda que os dicionarios de galego non rexistran esta acepción, si rexistran "pincheira" e "ficheira" con esta acepción. Tamén se rexistra "picho" como o cano da fonte ou de desaugue, e Sarmiento definíao como "pocito de agua que está alrededor del gorgullón de agua".
O nome "picheira" si está documentado en portugués, e é o mesmo que "pichel", "xarra para sacar o liquido das cubas de viño".
É preciso confirmar localmente a existencia de tal fervenza.

A PONTE DO PORTO (Mañón)
Topónimo transparente, referido á existencia dunha ponte nun "porto" de río. Ou sexa, antes da existencia da ponte xa se usaba o lugar como vao, por onde cruzar o río.
En efecto, os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.
Por outra banda, é interesante reparar que Ferreira Priegue vencella os Portos con postos nos que se cobraba un portus, unha pasaxe, imposto ao tráfico de mercadorías : "En el imperio romano un portus era un puesto fiscal donde se pagaban impuestos de circulación y tráfico de mercancías (portorium) de tipo de los posteriores peajes y portazgos". Cf. E. Ferreira 1988. "Los caminos medievales de Galicia".  Ourense 1988.

Houbese "imposto de pasaxe" ou non, neste lugar, antigamente un núcleo de poboación, sitúase unha antiga ponte que cruza o río Sor que podería tratarse dunha ponte medieval, pertencente ao antigo camiño real entre Viveiro e Ortigueira.


A PUNTA do PREGUNTOIRO (Mogor -lugar de San Fiz)
O termo "Preguntoiro" é de probable orixe prerromana, cun significado posiblemente similar á de orixe latina "Promontoiro". Ver >>entrada de blogue específica.
Hai outro "O Preguntoiro" cercano en Couzadoiro.

A PUNXEIRA (Bares)
Posiblemente relativo a punxir "punzar, ferir".
Existe o topónimo "As Punxeiras" preto de Santiago, xa rexistrado con tal nome desde o séc. XVII.

A RAÑA (As Ribeiras do Sor)
Unha "raña" costuma ser un lugar pelado e pedregoso. No dicionario figuran dúas acepcións de "raña" que encaixan como topónimo: "Terreo alto e de monte pobre". "Rápido desnivel no leito dun río de fondo pedregoso".
O sentido topónimico, en opinión de Menéndez Pidal, sería "sitio raído ou arrastrado por acción erosiva das augas o por un desprendimento de pedras".

E. Rivas e outros suxeren para o topónimo unha raíz prerromana *ra-, *ro- que daría lugar a unha familia de palabras relacionadas con "rañar", "arrasar", etc. Cf. E. Rivas "Toponimia de Marín".
Ver aquí e aquí para unha discusión máis ampla.

A REGA (As Grañas do Sor, Mañón)
Unha "rega" é definida como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego (cf. aquí). Sería, por tanto, un "pequeno vale polo que discorre un rego."
Constantino García recolle a acepción de “terreo pantanoso” (cf. Glosario).
É xeralmente admitida unha orixe pre-romana, dunha raíz "paleoeuropea" *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego", cf. E. Bascuas aquí.

A REGA DA FIEIRA (As Grañas do Sor)
O termo "rega"ten dúas acepcións principais, a de "cale pola que baixa a auga", e a de "prado de herba". Cf. aquí.
Por outro lado, "fieira" vén de "feo", nome de varias herbas gramíneas. Este termo reforza a idea da segunda acepción.
Portanto, o significado deste topónimo sería de "prado de feo".

A REGA do AZCOITO (As Grañas do Sor)
Unha "rega" é definida (cf. aquí) como "angostura formada pola unión das faldas de duas montañas, que costuma ser cauce dun rego. Sería por tanto un "Pequeno vale polo que discorre un rego."
É xeralmente admitida unha orixe pre-romana, dunha raíz paleoeuropea *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego", cf. E. Bascuas aquí.
Ver fotos do impresionante rego >>> aquí.

A REGATEIRA (As Grañas do Sor)
Aínda que non rexistrado nos dicionarios con esta acepción, o topónimo "regateira" refere a "regata" ou conxunto de "regatas", como sinónimo de "valgada".
Os dicionarios definen "regata" como "valgada", tanto na acepción de "espazo entre dous montes" como na de "regueiro pequeno". Cf. aquí.

A etimoloxía é común coa de "rego", para o que se lle asigna unha orixe na forma prerromana *rek- (cf. E. Bascuas, "VERBA", 2000). O topónimo "regata" viría, por tanto, dunha forma *rekatta, co sufixo prerromano -atta.

A REGOÑA (As Grañas do Sor)
O apelativo "regoña", derivado de "rega", é definido como "baixada dun monte na que costuma haber pastos no verán." Cf. aquí.

A REVOLTA (As Grañas do Sor, Mañón), AS REVOLTAS (As Grañas do Sor)
O termo "revolta" refere unha curva, xeralmente de río. Cf. aquí. Tamén tén esta acepción en portugués. Cf. aquí.

A RIBEIRA DE AMBOSORES (As Grañas do Sor)
O termo "Ambosores", tamén chamado "Emtrambosores", é xa documentado como "inter ambos Souros" en 1225, e "entre ambolos Sores" en 1305. Portanto, parece ser simplemente o que aparenta: "Entre-ambos-Sores", un lugar situado no medio dos dous Sor.
Alternativamente, E. Bascuas interprétao como derivado de *Ambas-Saure , significando "río Sor", co termo prelatino *ambas co significado de "augas", e con Saure sendo un derivado de tipo paleoeuropeo da raíz *ser-, "fluir".

A RIBEIRA DO BISPO (As Grañas do Sor)
O termo "Bispo", do latín episcopus, pode deberse ao uso deste como alcume ou sobrenome familiar. Alternativamente, talvez indicase unha antiga pertenza á xurisdición episcopal.
É tamén preciso ter en conta que o termo "Bispo" como elemento onomástico persoal é frecuente na documentación altomedieval (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

A SANGA (Mañón)
Aínda que non recollido nos dicionarios galegos, posiblemente "sanga" signifique "arroio pequeno", ou "pántano", o mesmo significado que no portugués.
Podería provir dun hidrónimo paleoeuropeo, a partir dun *Alesanika, sufrindo un falso corte de *"Asanga" > A Sanga, o mesmo que ocorreu co topónimo "As Anzas" (Ribadeo), atestado como Alesancia no ano 969.
Seguindo co paralelismo con "As Anzas", este topónimo "A Sanga" tería un significado relacionado con "ameneiros" ou sería simplemente un hidrónimo, tal como indica o apelativo portugués "sanga" xa mencionado.
En efecto, podería ter un significado similar ao de "As Anzas", que viría dun *Alesantya, para a que Krahe interpreta como "que abunda en ameneiros" (‘mit Erlen versehen’), e que podería estar relacionado coa raíz indoeuropea *el- 'vermello' (cf. H. Krahe, "Alteuropäische Flussnamen". 1949-1955). Moralejo interprétaa como céltica (cf. pp. 99-111 de J. Moralejo, "Topónimos célticos en Galicia", in "Palaeohispanica" 10 (2010)).

Existe outros topónimos "Sanga", e.g. en Riobarba, así como "As Sangas", un terreo en encosta, no concello da Capela.
Outras acepcións son menos probables, como a relación coa "Sanga" que Plinio menciona na actual Cantabria, da que incluso parece haber dúbidas de que esa fose a transcrición correcta (se era "Sauga" ou "Sanga").

A SERRA da FALADORA (As Grañas do Sor)
Posiblemente de "falar", nun sentido extenso, dun xeito similar a "monte Bufadoiro" no Vicedo, e "A Pena que Fala" en Frexulfe (Valadouro).
Hai certa discusión acerca de se o nome orixinario galego é "Faladora" ou "Faladoira", habendo quen indica que "Faladoira" sería unha hipercorrección. Existe unha "Pena Faladora" en Faro (Viveiro) e, ao contrario, unha "A Faladoira" en Goá (Cospeito) e "Faladoria" en Xuances (Xove). Sería preciso termos documentación antiga que nos permitise clarificalo.

A TAUGA (Mañón)
O apelativo "tauga", aínda conservado nesta zona, é o mesmo que "táboa". Deriva do latin tabula > tabua > tagua > tauga.
Posibelmente indicaría un agro chao e de forma rectangular alongada.


A TORRE (Bares, Mañón)
O termo "torre" nestes topónimos non se refere estritamente a torres, senón a casas fidalgas ou de casas grandes, de labradores ricos.

A VALGA (As Grañas do Sor)
O termo ten varias acepcións:
  • Sopé dun monte (Vilamaior, Guntín). 
  • En Pontevedra, un val ben marcado. Do latín vallica 'vale'. 
  • En Gorgullos, Coruña: valgada de valgar (encurvar, facer val) dun verbo *vallicare. (FrampasII) 
Neste caso trátase dunha zona de prado. Na zona rexístrase "valgueira", co significado de "valgada, pequena depresión" no terreo.

A VALIÑA (Mañón)
Un "vale" pequeno. O nome "vale" tiña xénero feminino antigamente, daí que neste topónimo se conserve en feminino.


A XIRA (As Grañas do Sor)
Unha xira é un terreo de labradío estreito e pequeno, posiblemente sendo "xira" no sentido de paseo. É un significado habitual de "xira" neste concello.

A XURREIRA (As Grañas do Sor)
O topónimo "Xurreira" é frecuente en toda a zona, en lugares de prados, referido a "barrizal ", "lugar onde escorre a auga". Cf. aquí.
Os termos "surro", "zudre" ou "xurro" teñen dúas acepcións: unha de "líquido que sae dos lugares de depósito, como latrinas e vertedoiros", e outra de "torrente, auga que escorre".

ABELEDO (As Grañas do Sor)
Terreo onde abundan as abeleiras.

ANIDO (Bares)
O topónimo "Anido" ten unha orixe na hidronimia prerromana, formado en base a un tema *an(n)-. Este tema foi estudado por Bascuas (cf. pp. 429-431 de E. Bascuas, "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses" 17), que o vincula co radical céltico *an- ‘poza, pantano, lama’, do que deriva o galo anam ‘charco, poza’ ou o topónimo Guadiana (< wadi Ana).
Dada a terminación no sufixo "-ido", abundancial, podería indicar un lugar onde abundan as "pozas", e de feito é o nome dun rego.

Este tema an(n)- é frecuente na toponimia galega, así Ares(< *an-aris), Ar(< *an-are).
É importante notar tamén a existencia do topónimo "Aneiros", que parece confirmar a "anido" como abundancial de "aneiro". Este abundancial non cremos que sexa de planta, pois -ido non sempre indica abundancial de planta, e.g. "pedrido".
Cabeza Quiles propón unha orixe en "ameneiro" > *amneiro> aneiro (do mesmo modo que somnu> sono (cf aquí.), non o cremos probable, dada a existencia de topónimos como "Anero" en Cantabria, onde correspondería un **Añero.

Finalmente, cremos que outros topónimos tales como "Anilleiro", "Anilleira" poden ter tamén a mesma orixe temática.
"Anido" é un topónimo frecuente en toda a Mariña (As Negradas, A Rigueira).

ARDELEIRO (Bares)
O termo "ardeleiro" defíneo o dicionario como "defensor" (cf. aquí), o cal podería encaixar como alcume ocasional neste caso. Contodo, dada a relativa frecuencia de "Ardeleiros" na toponimia galega, parece moi improbable esta orixe.
Por outra banda, Bascuas estudou o elemento hidronímico paleoeuropeo *ard-, dentro da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Cf. p. 58 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Se profundizamos neste elemento de orixe prerromana e precelta, observamos que a maioría confirman a súa posible relación con hidrónimos: Muíño do Ardeleiro en Cerqueda (Malpica de Bergantiños), praia Ardeleiro (Carnota), Fonte de Ardeleiros e Lavadoiro de Ardeleiros, en Lousame, xa rexistrados no Tombo de Toxos Outos (cf. aquí). Aínda que non chegue para confirmar a orixe hidronímica, si parece bastante probable.
Existe en Muras unhas "Penas Ardiñeiras", posiblemente coa mesma raíz. Tamén o lugar de "Os Ardelleiros" en Burela podería estar relacionado - de feito, no Tombo de Toxos Outos rexístrase un Ardiliario, que nese caso pasou a un actual Ardeleiro (cf. aquí).

Alternativamente, aínda que improbable, podería estar en relación co céltico ard 'alto', similar ao latín arduus 'empinado, escarpado'. No entanto, xa E. Bascuas indica que non está demostrada a difusión de tal termo na Gallaecia.

ARGANZO (As Grañas do Sor)
Derivado dun *Argantio. É de orixe pre-romana, tanto a raíz *arg- ("brillante", emparentada co céltico *argant-), como o sufixo adxetival "-antio". Podemos por tanto aventurar para Arganzo un significado do estilo "terreo que brilla". Cf. aquí.
Ver a entrada específica neste blog para máis detalle>>> aquí.


AROVELLO (Mañón)
Este nome de núcleo de poboación podería derivar de "Aro Vello", "Agro Vello" ou de "Adro Vello", aínda que non coñecemos da existencia de capela ou igrexa antigamente nese lugar.
Probablemente o significado de "Aro" estea relacionado co elemento prerromano *ar-, da raíz indoeuropea *er- 'fluír', presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" da comarca.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

As ALLICAS (As Grañas do Sor)
Sitio onde nacen as allicas. A "allica" é unha planta, unha especie de lirio. Cf. aquí

As ATRAVESADAS (Mogor)
Fincas cunha disposición transversal ás outras.

As BORRALLADAS (Mogor)
A borralla é a cinza, o residuo de madeira totalmente queimada. Cando se cavaba a roza, facían borralladas, que servían de abono, ao queimaren os toxos,etc.

As BRANDEIRAS (Mañón)
Descoñecemos o significado.
Unha "branda" significa unha concavidade nalgo que debería ser liso.
En algunhas comarcas ourensás chaman "branda" aos montes altos nos que o gado atopa pasto no verán.

As CACHIZAS (Mañón)
Orixe e significado incertos. Tal vez de animais dedicados á procreación, ou lugar onde os había do latín castitia, relacionado con "castizar" (procrear, "facer casta", crear prole). De feito, o nome "cachizo" significa "porco semental", tal vez referido a lugar onde houbese animais de cría.
No concello do Vicedo, limítrofe, existe en varios lugares o toponimo "o cacheiro", que podería estar relacionado.
A "cachiza" é tamén un xogo con unha bola de madeira, mais non encaixaría moito nun topónimo.

As CARREIRAS (Mañón)
O apelativo "carreira", presente no galego desde antigo, indica a presencia de "antigos carrís creados polo paso continuado de carros". Deriva do latín vulgar carraria.

As CHOUSAS de GUEIMONDE (As Grañas do Sor)
Terreo cercado ("chousa") que pertenceu a propietario medieval Goimundus, nome de orixe xermánica.

As CONXERCAS (Mañón)
Significado e orixe incertas. É un topónimo común en Galicia, rexistrado desde antigo. Como exemplo, un "Muíño e souto da Conxerca" en 1556 en Couzadoiro ("Couzedoyro", cf. aquí), por tanto podería aludir a unha finca dunhas propietarias con ese nome/alcume, o que é coherente co feito de ser un nome en plural, no caso de Mañón, usado en moitos topónimos para referirse a unha familia.
Posiblemente relacionado con "Conchercos", tamén existente no concello.

As COVELAS (Mogor -lugar de San Fiz, etc)
Diminutivo de "cova", quer no sentido de "furada", quer no sentido de escavación ou sepultura.

As ESPADIAS (Mañón)
Talvez de "as padias" ou "as pádeas", "madeiros sobre os que descansa a armazón do tellado". Cf. aquí. Tería mudado para "as espadias" polo influxo do apelativo "espada".
Como etimoloxía alternativa, derivaría de "espadua" ("ombro"), aínda que dificilmente encaixa nun topónimo e, ademais diso, sería unha evolución fonética extraña.

As FELGUEIRAS (As Grañas do Sor, Mañón), As FILGUEIRAS (As Grañas do Sor, Mañón), As FILGUEIROSAS (Mañón -lugar do Outeiro)
Todas elas significan "lugar onde abundan os felgos".

As FORCADAS (As Grañas do Sor, Bares)
Termo relativo a unha bifurcación, quer de río, de camiño, de cordal.
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza (con formas como "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña"), polo que non pode ser referido ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non encaixaría con esa frecuencia.

As GALLADAS
(As Grañas do Sor)

Derivado de "gallo", no senso de "bifurcación". Descoñecemos se se refere á orografía, a ríos ou a árbores.

As GARDUÑAS (Mañón)
Podería corresponder co mamífero carnívoro dese nome.

AS INSUAS (As Ribeiras do Sor)
O nome deste núcleo de poboación provén do latín insula 'illa, insua'. Polo xeral, "insua" refere, tanto no galego como no portugués, a unha illa ou península formada nun río.
Neste caso, estas "Insuas" fan referencia a un lugar cunha origrafía en forma de couce, e rodeado por un rego, o "rego de Mogor", polo que forma unha península, confirmando a acepción xeral de "insua".

As LEIRAS do SAIÑAL (Mogor -lugar de Fraixo)
O Saiñal é un lugar da parroquia do Barqueiro. Unha "saíña", significa "salina", de "sal". Por tanto, "saiñal", co sufixo abundancial, sería un "lugar con sal".
É importante remarcar que o significado alternativo de "saíña" é o de diminutivo de "saa/sá" (do xermánico sala), aínda que pola situación costeira cremos sexa neste caso relacionado con "sal" e non con "saa", máxime cando se usa co sufixo "-al", pois non tería moito sentido o de "lugar onde abundan as saas".

As MADANELAS (Mañón)
Finca da familia dunha propietaria "Madalena". O plural dun nome ou apelido é usado en moitos topónimos galegos para referirse á propiedade dos descendentes dunha persoa.


As MADRUGAS (Mañón)
Descoñecemos o significado. Posiblemente de "as (fincas de) Madruga", referido ao apelido dun antigo posuidor.

As LOUPEIRAS (Mañón)
Posiblemente indicando prado da familia dun antigo propietario chamado ou apelidado "Loupeiro". O plural dun nome ou apelido é frecuente en topónimos galegos para referirse á propiedade dos descendentes dunha persoa.
A orixe do apelido Loupeiro estaría talvez en Leoparius, aínda que é apenas unha hipótese, sen base documental.

As MADRÁS (Mañón)
Talvez de "(terras) Maturanas", terras dun antigo posuidor chamado Maturus, cognomen de orixe latina. No entanto, a orixe en "Maturanas" é apenas unha hipótese, sen base documental.
Existe tamén en Mañón un "As Regas da Madrá".

As MEDOÑAS (As Grañas do Sor)
Unha medoña é unha mámoa ou sitio con tipoloxía similar.

As MESTAS (As Grañas do Sor, Mañón)
O topónimo "Mestas" ven de (aquas) mixtas 'mesturadas', indicando unha confluencia de ríos ou regatos.
Outros "Mestas" nos arredores aparecen no Monte (Xove), en Silán e na Curiscada (Muras).
Atopamos xa algo máis lonxe "Las Mestas" en Asturias e Cáceres, "río das Mestas" (A Coruña), "Ambasmestas" (León) e dous "Entranbasmestas" en Cantabria. En todos eles mestúranse as augas de dous ou máis ríos ou regatos (cf. aquí).

AS PALLOZAS (Mañón -lugar das Pallozas)
Derivado de "casa palloza", tamén chamada "pallaza", construción típica con teito cónico de palla de centeo. O teito de palla precisaba ser renovado cada 15 anos, con palla nova de centeo (un grosor duns 40cm, cf. aquí).
Ao ser un topónimo, parece indicarnos que, cando se comezou a chamar así, o teito de palla non era xa o máis común.
As "casas palhaças", citadas en Gil Vicente ("Auto da Feira"), son casas cubertas de palla de centeo, análogas en significado ás pallazas ou pallozas dos Ancares. A denominación de "casa pallaza" é tamén frecuente en documentos notariais de Zamora e Salamanca. Cf. aquí.

AS PANDAS (Mañón -lugar do Castro)
Ver "A Panda".

As PENAS do CARNEIRO (Mañón)
Podería provir do céltico *karn- 'pedra, rochedo', tal como indica as "penas" deste topónimo. Cf. aquí.
Tampouco podemos descartar un significado obvio, referido a un posesor co alcume "Carneiro" ou un topónimo anecdótico relativo a un "carneiro".

As POUCELAS (Mañón)
Orixe incerta. Posiblemente de "finca propiedade das poucelas": está rexistrado o termo "poucela" como sinónimo de "doncela".

As POULAS (As Grañas do Sor)
O apelativo "poula", do latín (ad) pabula, indica un terreo deixado inculto.

As QUINTAS (Mañón, As Grañas do Sor)
Sendo plural e nun sitio de monte, non parece que veña de "quinta" no sentido de "casa de campo con herdade arredor", senón que podería ter derivado dunha partilla de finca efectuada a quintas, ou ben dun pagamento de foro consistente nas quintas partes do producido pola finca.
Sería un caso análogo ao de "As Tercias", que é tamén bastante frecuente na toponimia galega.
Este topónimo é relativamente frecuente en Galiza, como e.g. no Vicedo e en Burela.

As REGOÑAS
(As Grañas do Sor, Mañón), As REGOÑAS DA AGUIEIRA (As Grañas do Sor)

A "regoña" defínea o dicionario como "caída ou declive dun monte onde costuma haber pastos no verán ". Cf. aquí.
Unha "aguieira" indicaría un lugar frecuentado polas aguias.

As TERCIAS (As Grañas do Sor, Bares, Mañón)
Posiblemente derivado dunha partilla de finca efectuada a tercias, ou o "terzo" da herdanza que as leis deixan á libre disposición do testador. Alternativamente, dun pagamento de foro consistente nas quintas partes do producido pola finca.
Rexístranse tamén en Mosende, Landrove, Muras, etc.


As XINXEIRAS (As Ribeiras do Sor)
A "xinxeira" (en portugués  ginjeira) é o nome alternativo para "guindeira", o "prunus cesarus". Cf. aquí.

As XIRAS (Mogor -lugar do Vilar)
Ver "A Xira".

As XURREIRAS (As Grañas do Sor)
Ver "A Xurreira".

BARBEITA (Mogor)
De "(terra) barbeita". O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".
Os topónimos Barbeito e Barbeita son relativamente frecuentes na toponimia galega, así temos outro Barbeita no veciño concello de Ortigueira.

BARES (Bares)
Bares é mencionado como Uaris en varios documentos medievais, o primeiro deles un documento do rei Ordoño II do ano 916:
"...regali mee dictioni obedire striti sunt et aliam uillam nomine Uaris cum familia sibi pertinenti per terminum de aqua de ectario." (cf. CODOLGA)
Atendendo á forma atestada medieval "Uaris", parece clara a orixe nunha forma pertencente á hidronimia paleoeuropea, derivada da raíz indoeuropea *awer- 'auga, mollar, chover, fluxo'. Esta orixe hidronímica é a mesma que a do topónimo "Vara", para o que E. Bascuas lle asigna esa procedencia (Cf. p. 91 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). Xa que logo, forma parte da serie de topónimos "Baraza", "Baroña", "Baralla", "A Vara".

Por outra banda, podemos descartar totalmente unha orixe na raíz indoeuropea *bhar– 'proxección, punta' (cf. p. 108 de Pokorny, IEW. 1959), dada a atestación indicada como "Uaris" no 916, época na que non había confusión na pronuncia do "v" fronte á do "b", menos aínda no comezo de palabra como é o caso.

Dada a situación, tamén lle foi asignada unha orixe no elemento prerromano e pre-céltico *bar- 'altura, depresión'; o entanto, non parece poíbel soportar tal orixe, non habendo referencias en topónimos similares, en canto que si atopamos múltiples exemplos na previamente indicada raíz hidronímica *awer-.

Xa que logo, cremos que debería restituirse a transcrición "Vares" para este topónimo.

BARONCELLE (Mañón)
De *(uilla) Baronzelli, forma en xenitivo de Baronzellus, nome dun antigo posuidor, nome de orixe posiblemente xermánica (cf. M. Costa aquí).
Unha interpretación alternativa (cf. aquí) é a de hidrónimo prerromano, con elemento indoeuropeo *awer- 'auga, mollar', xunto co sufixo -ntio mais o diminutivo -ilius en xenitivo > Baranzili.

BETOI (Bares)
Posiblemente de *(agru/uilla) Uittoi, indicando un agro ou unha uilla ("explotación agrícola") dun posuidor chamado *Uittoi, nome de orixe xermánica - alternativamente *(agru/uilla) Uittoni, dun posuidor chamado *Uittone.
En efecto, este antropónimo está documentado en Portugal, como apelido Betoy en 1258 e como nome aparece Bettoy no século XI (cf A. A. Cortesão "Onomástico Medieval" in Vol IX de "O Arqueólogo Portugués", 1904, aquí); derivaría da raíz xermánica *witjan, a mesma que a doutros antropónimos si documentados, tais como Vitila, Vitildus, e o famoso Vitiza. A segunda parte do antropónimo viría do elemento -oi, frecuente en Galiza e Portugal (Ansoi, Baldoi, Beloi, Francoi, Ganoi, Sendoi,etc). Tamén, en lugar dunha orixe en -oi, podemos pensar nunha orixe no sufixo hipocorístico -one, ou incluso a controversa terminación -oi.

Alternativamente, aínda que cremos máis improbable, de *(agru) Bettonii, relacionado co cognomina "vetto", e daí o xentilicio Vettonius ou Bettonius, nomes rexistrados na epigrafía. Cf. aquí.

É interesante notar que este topónimo non corresponde na actualidade cun núcleo de poboación, ficamos coa pregunta de se talvez o houbo antigamente.

BOCELO (Bares)
Un "bocelo", antigo diminutivo de "boca", significa algo similar ao máis moderno "boqueira", unha portela, unha saída, abertura que hai nas sebes, valados, etcétera. Cf. aquí.

CACHIZA (Mañón)
Ver entrada "As cachizas".

CADABARCOS (Bares)
O nome "Cadabarcos" ten unha orixe prelatina, cunha frecuente raíz indoeuropea *kat-, por veces interpretada como "por riba de".
O tema *bark- ou *abark- é tamén prelatino (por exemplo "barco").
Ver entrada específica neste blog a respeito da raíz *kat-.
Sexa como for, Cadabarcos rexistra presenza humana xa de antigo, de feito foi alí escavada unha necrópole galaico-romana.

CAIÓN (Mañón)
Etimoloxía e significado incertos. Podería ter orixe céltica e estar relacionado co vocábulo galo cagio 'sebe', 'campo cercado'. A terminación -ón en topónimos está, en parte dos casos, relacionada con topónimos de orixe céltica. En efeito, Matasovic identificou o protocéltico *kagyo- como 'curral, cercado'. Cf. p. 184 de R. Matasovic, "Etymological Dictionary of Proto-Celtic" (2009).
Esta é tamén a opinión de Miguel Costa, que o deriva de *Cag-yon, do protoindoeuropeo *kaghio 'palizada, cerca, canizo' (cf. aquí).

Hai varios Caión en Galiza, como p. ex. o Caión de Laracha (A Coruña). Fóra de Galiza atopamos "Cayón" en Asturias e Cantabria, así como documentado un Caion en 1198 na zona de Oña (Burgos). Tamén está atestado un Johan de Cayon veciño da Coruña en 1352.
Descoñecemos se "A Caioga", na veciña parroquia de San Claudio, gardaría relación etimolóxica.

CAMPELO (Bares)
O termo "campelo" é un topónimo antigo, como delata a presenza do antigo sufixo diminutivo -elo. Por outro lado, "campo" antigamente tiña a acepción de "prado".
Tendo en conta o anterior, "Campelo" tería orixinariamente o significado de "prado pequeno".

CANDEDO (As Grañas do Sor)
Do latín *candanetum 'garabullal', lugar onde hai "candos" ("garabullos", "guizos"). Cf. aquí e E. Rivas (2001).
É un topónimo frecuente en Galiza: Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

CARDÍMARA (Mogor)
Orixe incerta.
Podería ter orixe xermánica, a partir da raíz (prototema) gótica *gards 'quinta, casa', tal como ocorre en "Cardelle" . Coincidiría na terminación (deuterotema) con "Guímara", rexistrado no 688 como Wimar (cf. p. 1686 de Forstemann "Altdeutches namenbuch").
Alternativamente, podería ter orixe prerromana, dada a terminación átona -ara, presente en termos de orixe prerromana, tales como "gándara", "Támara". Estaría neste caso formada  a partir do tema *kard-, que parece significar en linguas celtas "pedregal".  (cf.  Villar "Lenguas y genes", p. 128 con mapa).

CASAL DE SANDE (As Ribeiras do Sor)
O termo "casal", do latín casalem, designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, moitas veces unha granxa, incluindo tanto a casa coma as dependencias auxiliares e terras darredor. Representaba daquela un tipo de poboamento rural. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.
Canto a Sande, é a forma en xenitivo de Sando (ou tamén podería ser Sanda), nome do antigo posuidor. É dun nome masculino de orixe xermánica, formado a partir da raíz gótica *santh 'verdadeiro'. Cf. p. 334, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI.
É importante notar que a orixe xermánica do nome non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

CASATEITE DE BAIXO, DE RIBA, DO MEDIO (As Grañas do Sor)
Posiblemete de "casa teita", casa á que lle puñeron "teito", no sentido de tellado.
Nótese que, o "tellado" podía ser de palla, e sería necesario renovar o teito (teitear) de cada 15 anos, con palla nova de centeo (un grosor duns 40cm, cf. aquí).
Hai outros lugares co nome "Casateita", por exemplo en Muras.
Canto á terminación, da relaxación da pronuncia do -a para -e, non é un fenómeno extraño, senón que ocorre en moitos topónimos (cf. P. Martínez aquí).

Con todo, tampouco podemos desbotar unha orixe no composto *Casa Tagiti, dun posuidor chamado Tagitus ou Tegitus, nome rexistrado en documentos medievais. O paso de *Teite para Teita sería un fenómeno común na toponimia galega (cf. P. Martínez aquí).

CATABOIS (Bares)
Podería ser un nome de orixe pre-romana, de *kat(t)- + boi : "altura por riba dos penedos". Fáltanos coñecer o sitio para confirmarmos esta opción.
Alternativamente, podería provir de "capta boves", "lugar de vixiancia dos bois, do gado", aínda que é improbable, dado que tamén existe o topónimo "Cataboi", e non encaixa un significado relativo a que se vixiase un único boi.
Ver entrada específica neste blog a respeito da raíz *kat(t)-.

CATASOL (Bares)
Ainda que poida ter unha orixe no significado directo ("cata + sol"), é máis probable unha orixe prerromana. Existen outros "Catasol" en Galiza, o que fai improbable, ao noso entender, a frecuencia de "sol" no significado de astro.
O elemento prerromano *kat(t)- é mais coñecido, o elemento *-sol é mais incerto. Podemos aventurar relacionalo con un *cata-saure , onde "Saure" indicaría "auga, río", e tería a mesma orixe que o topónimo do río Sor. De catasaure > catasol, tendo un significado de "por riba da auga", "caída de auga ".
Ver entrada específica >>> neste blog a respeito da raíz catt- e a entrada Río Sor a respeito de -sol.

CHORENTE (Mañón)
De (uilla) Florentii, indicando a pertenza da uilla ("explotación agrícola, granxa") a un antigo posuidor chamado Florentius.

CIMBRES (As Grañas do Sor)
Posiblemente "cimas de montes". Porén, "cimbre" ten varios significados, é preciso coñecer a situación exacta para termos interpretación máis clara. Cf. cimbre, cimbra.

COSTAAURÁ (Mañón)
Forma composta, por "Costa Aurá". 
Probablemente sexa un derivado da raíz prerromana indoeuropea *awr-, relativa a correntes de auga, da que derivaría tamén o río "Ouro", antigamente chamado Aurio.
No entanto, outras hipóteses poderían encaixar:
  • "costa moi boa" : O termo "aurá" sería adxectivo relativa a ouro, no sentido de "moi boa". Cf. p. 151 de A. Llamazares aquí. Porén, na primeira hipótese, non fica claro como pode ser calificada unha costa (terreo peado) como "moi boa". 
  • Derivado dun *Costa Auriana, dun antigo posuidor chamado Aurius ou Aurianus. Ver o topónimo "Aurá" aquí para detalles adicionais. 
Existe outro "Aurá" en San Pedro de Viveiro e un "Ourao". É importante reparar na existencia de "O Coto da Aurela" no Viveiró (Muras), máis claramente relacionada coa raíz *awr-, tal como se explica nesta ligazón.
Ver tamén o topónimo "Aurá" nesta ligazón para outros detalles adicionais.

CRISTO de MOURAZ (Mañón)
Do baixo-latín (uilla) Mauratii, forma en xenitivo de Mauratius, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica. Cf. aquí.

Algúns afirman que "o Cristo de Mouraz era lugar de cita antigamente para os romeiros, tanto para os que ían en peregrinación a Teixido como para os que se dirixían a Compostela. Isto é porque está en pleno Camiño dos Arrieiros, un camiño usado ata a Idade Media, que unía o porto de Vares coa Mourela (As Pontes)." Cf. aquí.
Cf. aquí para información sobre todas as cruces do Camiño dos Arrieiros.

CURUXEIRA (As Grañas do Sor)
Unha "curuxeira" designa, metafóricamente, un "lugar en sitio elevado e con penascos". Cf. aquí.

CURRO DE EGUAS (As Grañas do Sor)
O apelativo "curro", neste contexto de mención ás "eguas", designaría un "Cercado de madeira ou de pedra onde se concentra o gado ceibo do monte, especialmente cabalarías e vacas." (cf. aquí).

Este lugar figura xa atestado en 1225 como "Curru de Eguas" nun documento de S. María de Meira (cf. CODOLGA): ".. cisterciensis ordinis, quodam regalengum in terra de Sor et uocatur Sanctus Mames de Curru de Eguas, ..". A mención a "Sanctus Mames" parece indicar a presenza dun edificio religioso coa mesma advocación que a da parroquia (San Mamede).

FIGUEIRA AMARIZ (Bares)
Posiblemente de *Ficaria Amarici (ou Amalarici), forma en xenitivo de Amaricus (ou Amalaricus), nome do posuidor medieval. Este nome, tanto Amaricus como Amalaricus, son de orixe xermánica (o cal non quer dicir que o posesor tivese tal orixe en absoluto).
Existe o topónimo "Amarigo" en Alba (Vilalba).
Alternativamente, podería vir dun termo paleoeuropeo relacionado co tema *am-ar-, da raíz indoeuropea *am- 'canle', frecuente en hidrónimos.

FOLGOSO (As Ribeiras do Sor)
"Lugar onde abundan os felgos".

FONTAO (Bares)
Podería derivar de (agru) fontanu, derivado de fons "fonte" (Cf. A. Moralejo, "Toponimia gallega y leonesa").

FONTE DAS GALIÑAS
(As Grañas do Sor)

Ver "A Galiña".

FONTE da SARNA (Mogor)
Parece que lle chamaban así porque a ela acudía a xente coa doenza da sarna, para fretarse contra dunha pedra que se dicía que tiña propiedades curativas contra tal doenza. Cf. aquí.
Hai moitos hidrónimos, en particular fontes, que se chaman da "sarna", así unha en Viveiro (ver >>>blog).
Nalgúns casos, parece que se relacionaban as fontes sulfurosas como curas da sarna. Cf. o texto de 1768 sobre o lugar de Cortegada: "A la distancia de un largo tiro de piedra de esta está de la primera fuente mineral, a quien antiguamente llamaban de la Sarna, y al presente de la Piedra. El auga es clara, con olor y sabor de Azufre; bañando en ella una moneda de Cobre, toma color azul, y si es de Plata, le adquiere azul muy obículo."
É interesante subliñar que o termo "sarna" é relacionado con outros de orixe prelatina (incluído "Sor").

FONTE do AROVELLO (Mañón)
Ver "Arovello".

FREITIDO (Mañón)
Posibelmente indicando existencia de "freitas" 'fractura, quebradas, fendas no terreo, corrimentos de terra'. Sería por tanto o mesmo que os frecuentes topónimos "Freitoso" que atopamos en Galiza.

Aínda sen coñecermos ben ese terreo, non coñecemos a existencia de quebradas neste lugar, xa que se trata dunha lomba de terreo, non rochoso. Podería tratarse, sendo un lombo de terreo, que nun determinado momento tivese canles cavadas pola erosión da chuvia, e desas canles o nome de freitido, como "abundancia de freitas".

FUXÍN GRANDE (Mañón)
De (uilla) Fugini, forma en xenitivo de Fuginus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").
O nome persoal Fuginus está atestado na Hispania. Cf. Hispania Epigraphica aquí.

GALDOS (Mañón)
Talvez correspondendo a un lugar antigamente pertencente a unha persoa orixinaria de Galdo ou apelidada Galdo. Ver entrada "Galdo" no blog sobre Toponimia de Viveiro para máis detalles aquí.
Alternativamente, podería indicar a existencia dun apelativo "galdo".
O nome, antigamente debeu levar artigo, de feito, aínda figura recollido "A Leira dos Galdos", localizada neste lugar de Mañón.

GUEIMONDE de BAIXO
(As Grañas do Sor)

O termo "Gueimonde" deriva de (uilla) Goimundi, indicando unha uilla (granxa) pertencente a Goimundo, nome de orixe xermánica. 
É importante notar que a orixe do nome non implica en absoluto que o posuidor fose xermánico (suevo, visigodo), pois era práctica frecuente na Idade Media o uso de antropónimos de orixe xermánica.

LAMA TRAVESA (As Grañas do Sor, Mañón)
Indicando unha "lama" ("lameiro") cunha disposición transversal ás outras.

LAMA ROIBA (Mañón)
Indicaría un terreo lamento, encharcado, coa terra de cor roiba (ruba), apuntando a unha terra barrenta.
É un caso análogo ao do topónimo "Lamas Rubas" (Vieiro), o cal ten o nome alternativo de "O Barrido".

LESTIDO (As Grañas do Sor)
Sitio onde abundan as "lestas", planta da familia das gramíneas, Anthoxanthum odoratum. Cf. aquí.
Existe outro "Lestido" en Vieiro, así como un "Lastigueira" en Cabanas (O Vicedo) e outro en Ortigueira. Hai tamén un "Prado da Lesta" en Muras e "A Costa da Lesta" en Silán.

Xa en 1717 Sarmiento destaca a existencia desta planta nesta zona da Galiza: "Noté que hacia Pontevedra solo tiene un dedo de ancho la hoja. Hacia La Coruña tiene dos; y hacia San Andrés de Teixido, junto al cabo de Ortegal, tiene la hoja cuatro dedos de ancho, y allí está poblado de esa lesta olorosa el monte da Capelada".

LOIXIZ (As Grañas do Sor)
De (uilla) Leodegisi, forma en xenitivo de Leodegisus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Cf. correspondencia con Miguel Costa.

MAÑÓN (Mañón)
A orixe do topónimo "Mañón"é incerta, aínda que semella fóra de dúbida que teña unha orixe prerromana. Existe o mesmo topónimo tamén en Portugal, coa correspondente grafía "Manhão".

Sostemos como hipótese máis probable a orixe nunha forma Malanio / Malanione (análogamente a casos como Malaco>Malagón), basado no tema prerromano *mal-, relacionada con ríos, costas e elevacións, e que, aínda que con certa controversa, deriva da raíz indoeuropea *mel- 'saír, elevación, curvatura, ribeira'.

En efecto, esta forma *mal- e os seus derivados foi tamén estudada por F. Villar, que sostén a orixe indoeuropea indicada, e que pon exemplos de toda a serie toponímica, tais como os múltiples "Malaño", "Malagón" (antiga Malaco), Málaga (antiga Malaca), e outros moitos. (cf p. 45 e ss. de F. Villar, "Vascos, celtas e indoeuropeos. Genes y lenguas". 2005, aquí).

Segundo E. Bascuas, a raíz indoeuropea *mel- tería carácter hidronímico. Bascuas cita, ademais dos múltiples "Malagón" (un deles en Viveiro), e "Málaga", tamén outros galegos como "Mos" (de Malones), "Magoi" (Lugo), ou os numerosos "río Malo" e "río Mao" (cf. p. 83 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006).

Deste modo, o topónimo Mañón ("Malanione") posibemente faría referencia á ribeira do rio Sor, ribeira cerca da que está situado o núcleo de poboación capital da parroquia.

A evolución sería totalmente coherente coa evolución do romance galego, pasando de *Malanione para "Mañón" coa normal caída do -l- intervocálico, a través dunha forma intermedia "Maañón", a forma en uso atestada até o século pasado .
Apoiando esta hipótese de *Malanione, atopamos "Puerto de Malañón", preto de El Escorial (Madrid), que sería o mesmo topónimo preservando o -l- intervocálico. Existe outro "Malañón" na provincia de Málaga (cf. aquí)
Está tamén atestado o nome Malanius na Italia, identificado por F. Villar tamén como derivado do tema *mal-.
É de notar a presenza na comarca de múltiples topónimos orixinados no mesmo tema *mal-. Así, temos "Malagón" (Viveiro), e talvez "Maladas" (O Vicedo, Viveiro), "Malates" (O Vicedo), etc.

Non podemos rexeitar totalmente outras alternativas, aínda que semellen pouco probables, tales coo a de derivar dun *(uilla) Madanioni, forma en xenitivo de Madanionus, hipocorístico de Madanius , aínda que somente o atopamos rexistrado no Século XVII en Italia.

Outra hipótese, puramente especulativa, sería a de *Maganioni, dun posuidor chamado *Maganius, do celta mag- 'grande' + Annius.

Finalmente, tamén como pura especulación, podería provir de *Meganioni, dun posuidor chamado Meganius.

MALATE (As Grañas do Sor)
Posiblemente relativo a "malatos", persoa con enfermidades na pel, incluíndo a lepra.
Alternativamente, pode interpretarse como de orixe prerromana, derivada da raíz indoeuropea *mel- 'saír, elevación, curvatura, ribeira'.
Ver entrada específica para máis detalle >> nesta ligazón.

MALVIDE (Mañón)
Poderíase aventurar de *(uilla) Malviti, dun posuidor chamado Malvitus. No entanto, é apenas unha hipótese especulativa, o nome Malvitus soamente o atopamos atestado na península Itálica.
Alternativamente, podería ser sinónimo de "malvedo", abundancial de malvas (cf. aquí). O sufixo -ide para o abundancial non sería un caso excepcional, así e.g. en Xove existen os topónimos "Teixide", "Porride", e aínda "Punta Mexilluíde".
A ponte de Malvide, ou "Ponte do Porto", consta de tres arcos de medio punto. Hai quen a remonta á época romana, aínda que posiblemente sexa medieval. No centro da ponte hai un miliario que sinala o límite entre as antigas provincias de Mondoñedo e Betanzos.

MAMUELAS (Bares)
De "mamoelas", diminutivo en plural de "mámoa", indicando a antiga existencia dun túmulo prerromano.

MARTIXE (Mogor)
Posiblemente dun posuidor chamado Martidiu(s), na forma en xenitivo Martidii.

MEIRA (Mañón)
A palabra "meira" é de orixe prelatina, posiblemente dunha forma *marya, dunha raíz indoeuropea *m'r,  relacionada coa auga estancada. Costuma estar aplicada a terreos encharcados, marismas.
Os topónimos "Meira" "Mera" e "Merán" son frecuentes en Galiza. Así, neste concello, hai un "Merán" nas Ribeiras e outro en Mañón.

MOEMENTOS (As Grañas do Sor)
O termo "moimento", do latín vulgar monumentu, é relacionado na toponimia coa acepción de ‘túmulo, sepulcro’. Xa indicara Leite de Vasconcelos que os topónimos portugueses e galegos "Moimenta", "Muimenta" fan sempre referencia a vestixios arqueolóxicos (necrópoles, megálitos), polo xeral enterramentos, dólmens e túmulos. Tamén figura no portugués medieval coa mesma acepción (cf. "moimento" en Viterbo. "Elucidário").

MOGOR (Mogor)
Talvez derivado de Monachorum 'dos monxes' ou máis probablemente de orixe prerromana.
Tendo en conta a frecuencia de puntas costeiras na xeografía galega chamadas "Mogor", semella difícil que sexa casualidade e parece descartar a orixe en "dos monxes".
Ver explicación detallada >>aquí.

MONTE DO FORO (Mañón)
Ver "O Foro".

MONTEIRÓN (Bares)
Derivado de "monte". Xa figura atestado co nome de Montario no ano 916, nun documento do rei Ordoño II no que dona ao bispo de Mondoñedo a freguesía de Santa María de Mogor e o val de Bares. Cf. aquí (p. 20).

MONTEMEAO (Bares)
Composto de "Monte Meao". O termo "meao" era a forma medieval por "mediano, do medio". Por tanto, este topónimo indica "monte do medio", pola súa situación.

MUNÍN (As Ribeiras do Sor)
O nome deste lugar proviría dun antropónimo *(uilla) Monnini, forma en xenitivo de Monninus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").

O ABELEIRAL (As Grañas do Sor)
O mesmo que "abeledo", terreo onde abundan as abeleiras.

O ALTO do SAIÑAL (Mogor)
Ver "As Leiras do Saiñal".

O AZOR (Mañón -lugar do Azor)
O lugar de Azor está situado perto do río. É un topónimo frecuente en Galiza e Portugal.
Como indica E. Bascuas, aínda que posiblemente estes topónimos non correspondan con outra cousa máis que con "azores", no entanto, tamén é posible que derive dun termo prerromano *Apsore, derivado do tema *aps-, basado na raíz indoeuropea *ap- 'auga'. Cf. p. 184 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

O BALEARTE (Bares)
O termo "Balearte", co cal é designado un illote na costa de Bares, é de orixe incerta.
Podemos aventurar unha orixe un tanto extraña pero explicable: do euskera bale-arte, cun significado de 'entre as baleas'. Ver no blogue >> aquí para máis detalles.
Para datos locais sobre a pesca da balea, ver "O Coído da Atalaia".

Alternativamente, podería proceder dun apelativo "baluarte", quer pola forma do illote ou por un significado metafórico de "amparo, defensa", tal como ocorre en varios topónimos "Baluarte", en Cospeito, en Cambre, en San Sadurniño.

O BARRAGÁN (As Grañas do Sor)
Probablemente este topónimo derive do alcume dun antigo posuidor do terreo. O termo "barragán" indicaba "home novo, forte", e despois tamén pasou a ter un significado de "home que vive en "concubinato".

O BATÁN (As Grañas do Sor, Mañón)
Do latín battere 'bater, golpear'. 
Os antigos batáns de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricadas nos teares caseiros. O batido era feito por dous mazos hidráulicos. O tecido era batido para desengraxalo e darlle corpo; ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído.

O BAZALAR
(As Ribeiras do Sor)

De "bacelar",  "lugar plantado de bacelos" (vides novas, nun terreo onde non se plantaran antes).
O termo "bacelo" vén do latín bacillum ‘bastonciño’, diminutivo de baculum ‘bastón’, ao lembrar os bacelos a forma dun bastón.

O BELADAL (Mañón)
Derivado, con deglutinación, de "abeledal", lugar con abelairas.
Aínda que as formacións con doble sufixo abundancial (-edo + -al) non son frecuente, tampouco sería un caso excepcional, así "louredal", "toxedal", etc. De feito, existe tamén un "Belandal" en Alfoz, que reforza esta hipótese.
Alternativamente, aínda que non semella moi probable, podería estar derivado de *valadal, no senso de "abundancia de valados".

Existe tamén un "Valadás" en Melide e un "Baladás" en Chavín e en Valdoviño.

O BELLIGUEIRO (As Grañas do Sor)
Talvez de "lugar de vellegal". Un "bellegal" ou "vellegal" significa algo similar a "fraga", no sentido de terreo pedregoso e abrupto. Cf. aquí.

O BROZO (Bares)
O termo "brozo" é de orixe céltica, segundo Corominas de *vroicos, e máis tarde *broccius. O significado sería de "uz", "breixo". No léxico da zona aínda se conserva o termo "brozada" (e daí "desbrozar").

O CADAVAL (As Grañas do Sor, Bares, Mañón)
Lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. aquí.
En portugués "cadava" ten o mesmo significado. Cf. aquí.

O CAÍNZO (As Grañas do Sor)
Un caínzo é un "tecido de varas", tanto onde se secaban as castañas como o que compuña as tañeiras do carro, etc.
Un "caínzo", en toponimia, refiría por extensión a un "hórreo feito de canas ou vimbes". Tamén podemos pensar nun terreo cerrado de vimbes ou canas, ou incluso nunha cancela feita de tais materiais. 

O CAL da MALATA (Bares)
Posiblemente relativo a "malatía", lepra. Hai outras interpretacións, como a dunha orixe prerromana, derivada da raíz indoeuropea *mel-.
Para máis detalle, ver entrada no blogue >>nesta ligazón.

O CAL do MACHO (As Grañas do Sor -lugar do Cal do Macho)
Probablemente, neste contexto o termo "macho" derive do latín marculum 'martelo pequeno'. Sendo nun "cale" ('espazo de terra formada pola parte baixa de dúas montañas ou alturas próximas'), posiblemente sexa referido a un martelo hidráulico, movido pola forza do río.
Os topónimos "Macho" e "Machuco" son frecuentes con este significado.

Alternativamente, aínda que improbábel, de Marculus, diminutivo de Marcus, nome de persoa. Porén, descoñecemos rexistros desta ocorrencia.
Podemos descartar a orixe obvia na palabra masculum 'persoa de xénero masculino', pois tería pouco encaixe nun topónimo tan frecuente.

O CALISTRO (As Grañas do Sor)
Posiblemente deturpación de "O Calixto"

O CAMPO DA LADRA (As Ribeiras do Sor)
Podería referirse a "Campo da Ladroa", dun alcume referido á posuidora ou suceso ocorrido nese campo, aínda que é moi improbábel: o topónimo "Ladra" abunda demais para ser referido a "ladroa", que se esa fose a orixe sería un topónimo accidental e infrecuente.
Cremos que a orixe é no tema prerromano *lat-r- 'terreo pantanoso', de orixe céltica ou paleoeuropea, derivado da raíz indoeuropea *lat- "pántano, lameiro, lama", o mesmo que no caso dos "río Ladra", documentados na Idade Media como Latera (cf. J.J. Moralejo. "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II", 2008). Tamén existen múltiples "Ladrido", "Ladredo" e similares, que non terían sentido como derivados de "ladroa".
Outros topónimos cercanos similares son "Pena Ladra" na Balsa (Muras) e "A Ladrela" en Xermade.

O CAMPO de BREA (Bares)
Brea pode ter varias orixes e significados, pero probablemente neste contexto signifique "vrea" ("verea", "vereda").

O CAMPO do TURCO (Bares)
Orixe incerta. Talvez derivado do alcume dun antigo posuidor.
Alternativamente, de orixe prerromana. De feito, E. Bascuas admite a probabilidade de derivar da base orinímica *turc-, ou da hidronímica *tur-ko, derivada da raíz indoeuropea *ter-, presente en hidrónimos. Porén, Bascuas tampouco rexeita a posibilidade de que estes topónimos Turco e Turca deriven en algúns casos de alcumes. Cf. p. 317 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

O CAMPO do VISO (Bares)
Un "viso" é "un sitio alto, sitio elevado". Cf. aquí. Significaría, por tanto, "o campo do alto con boa vista".

O CAMPÓN (varios, en Mañón, Mogor, As Grañas do Sor, As Ribeiras do Sor)
O termo "campón" indica un prado de secaño de moita extensión. Cf aquí.

O CAROCEIRO (Bares)
Podería vir de "lugar caroceiro", onde recollen "carozas", a parte dura que encerra o froito do piñeiro. As carozas eran usadas para facer o lume, pola sua boa combustión. Porén, co sufixo "-eiro" tamén pode apuntar para un tipo de árbore (e.g. "vieiteiro", "abruñeiro", "pereiro"), o que encaixaría coa información que achega Xabier Moure, que recolle no concello limítrofe do Vicedo outro "Caroceiro", atestado como "Carruceiro" no Cadastro de Ensenada. Cf. aquí.
Sería, portanto, a árbore que Sarmiento recolle co nome"carruceiro", unha clase de maciñeira selvaxe, cun froito ao que chaman "carozos". Cf. aquí.
Tería evoluído de "carruceiro" para "caroceiro" por etimoloxía popular, pois o termo "caroza" é común nesta zona, referido á parte dura que encerra o froito do piñeiro. 

O CARRANCO, O CARRANCO da BARCIA, O CARRANCO de FRAGA, O CARRANCO do BARRAL (varios, Mañón, As Grañas do Sor)
Aínda que os dicionarios consultados somente indiquen para "carranco" o significado de "unha clase de paxaro" e a outra de "verme" (cf. aquí), existe unha acepción na zona relacionada con "encosta", "ladeira", "lugar peado", similar a barranco.
Neste caso, a orografía de varios deles, en encosta (ladeira), parece confirmar esta interpretación. Derivaría da complexa raíz prelatina *kar- "duro, rocha, lugar pedregoso".

O topónimo "Carranco" é relativamente frecuente, así por exemplo en Muras. Tampouco é un apelativo restrinxido xeograficamente: inclusive en siciliano existe a forma análoga carrancu 'lugar escarpado'. Hai tamén un "Carranque" en Toledo, nunha zona de talude da ribeira do río Guadarrama.

O CASCAVIAL (Mañón)
Posiblemente deturpación de "Cascabullal": A súa orixe é de "cascabullal", de "cascabullo", lugar cheo de cascas. Escombreira.
Existe "O Cascabellal" nas Negradas.

O CASCÓN (As Grañas do Sor)
O nome deste núcleo de poboación talvez derive de *(uilla) Casconii, forma en xenitivo de Casconius, nome do antigo posuidor desta uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe latina.
Non cremos que teña relación co apelativo "cascón" 'castaña seca con casca', pois non está recollido nesta comarca e tampouco tería moito encaixe como topónimo.

O CASTELO de XUXARRIDO (Bares)
Ver máis embaixo o topónimo "Xuxarrido".

O CAXIGAL (As Grañas do Sor)
Un lugar onde abundan os caxigos.

O CELEIRO (Mañón)
Do latín cellarium, "despensa, silo, lugar onde se almacenan provisións, hórreo".

O CENTOLAR (Bares)
É un lugar situado nun cantil. Relativo a lugar de abundancia de centolos, ou propicio para a súa captura.

O CERNADO (As Grañas do Sor)
Probablemente de *(locu) cineratu, significaría "o queimado", probablemente en relación con as actividades de cavar na roza. Cando se cavaba a roza, facían borralladas ao queimaren os toxos, etc, que servían de abono, para despois plantar centeo ou outros cereais.

O CHAMBERGO (Mañón)
Posiblemente un alcume derivado de "chamberga", nome que deriva dun tipo de casaca, e que se aplica tamén para indicar individuos cun corpo dese xeito.

O CHAO de MONTILLE (Mogor)
Posiblemente dun posuidor chamado Montilius, na forma en xenitivo Montilii.

O CHAO de SELLEIROS (Mañón)
Posiblemente de "O chao (lugar chan) onde fan as sellas". As sellas eran vasillas de madeira con aros de metal, moi usadas antigamente.

O CHAO das MEDAS
(Mañón)

O apelativo "meda", do latín meta, fai referencia a unha forma de cono truncado, a monte cónico con punta redondeada. En particular, ten a acepción de morea de mollos de cereal segado, e tamén a de 'mámoa', ‘enterramento funerario prehistórico’.
Este topónimo pode indicar, por tanto, a (antiga) existencia dun conxunto de mámoas nese lugar, ou ben, menos suxerente, o lugar onde colocaban as medas de cereal para realizar a malla.


O CHAO dos CANEIROS (As Grañas do Sor)
Un "caneiro" é un "cano", unha canle, referindo particularmente as canles axeitadas para a pesca.
O dicionario de Valladares indica sobre "caneiro": Canal de pesca, compuesto ordinariamente de dos muros, ó estacadas, llamados guiares : muros, ó estacadas, que desde las opuestas orillas de un rio convergen en determinado punto del mismo, formando angulo, en cuyo vértice hay uno ó mas boquetes, para colocar las redes que son á manera de manga y destinadas por lo regular, á coger anguilas.

O CHOPE (Mañón)
O termo "chope" defíneo o dicionario de Aníbal Otero (1967) como "pedazo pequeno dun monte cercado." A mesma acepción recolle máis tarde o dicionario de X. L. Franco (1972). Cf. aquí.
Atopámolo na toponimia menor de varios concellos de toda Galiza, como en Muras, na Estrada, etc.

O CHOUSÓN DE SEOANE (Mogor)
O nome "chousón" é o aumentativo de "chousa" 'Porción de monte cercada, de non moita extensión', e derivado do latín clausa 'pechada'.
Canto a Seoane, refere ao apelido dun antigo posuidor da chousa. Este apelido deriva dun haxiotopónimo, de Sanctus Iohannes (San Xoán). Xa na Idade Media pasaría na pronuncia popular para *Saneoane, e daí, seguindo a queda do -n- no galego, para "Seoane". Aínda, desa forma, evoluíu para Seivane, Sevane e Savane, todos eles rexistrados na toponimia galega.

O CIBUELO (Bares)
O nome desta pequena illa pode provir de diminutivo de "cebo", posiblemente chamado así pola acumulación de fitoplacton arredor dos baixos da illa.

O COCHÓN (As Grañas do Sor, Mañón)
Pode significar "pedazo de terreo labradío de certa extensión". Tamén pode vir de alcume despectivo, aumentativo de "cocho" ("porco").
Aínda que máis improbable, pode ser unha deturpación de "cachón" 'fervenza', aínda que descoñecemos o lugar.
Existen outros topónimos "Cochón" en lugares cercanos como Ourol e Muras.

O COÍDO (Bares)
Un coído é un conxunto de coios, "pelouros". Este é, de feito o caso.

O COÍDO DA ATALAIA (Bares)
Un coído é un conxunto de coios, "pelouros".
Unha "atalaia" é un lugar de vixiancia, probablemente para avistamento de baleas e similares. Atalaia deriva do árabe aṭ-ṭalā’iʕ "os sentinelas"; temos a voz "atalaieiro" co sentido de ‘vixilante, outeador de baleas'.
A pesca da balea era común no Cantábrico desde antigo. Xa en 1291 aparece documentada actividade baleeira en Bares e San Cibrao.
Nos primeiros tempos, a actividade baleeira nas costas galegas era desenvolvida maiormente por pescadores vascos.  A finais do século XVI, os galegos tiñan desprazado totalmente aos baleeiros vascos. 
A captura intensiva neses séculos levaría á práctica extinción  da especie nas costas galegas a finais do século XVII, cesando a actividade baleeira costeira.
Cf. aquí.
Figura atestado no ano 1291 un préstamo aos baleeiros de Bares:  "Et disso que pinnorara aos baleeyros de Vares vi çentos mor" (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

O COÍDO DA TECELÁ (Bares)
O dicionario define "tecelán" como sinónimo de "tecedor", que fabrica tecidos.
Descartamos a acepción de "gavián", que tamén indica o dicionario, xa que, neste caso, en femenino, non encaixaría nesta acepción.
No entanto, e tendo en conta esta existencia da "Punta do Tecelán" en Burela, non se pode asegurar o significado indicado polo dicionario: semella improbable a existencia de dous topónimos Tecelán ou Tecelá referidos a dous coídos ou cabos, que nada parecen ter que ver con tecedores. No entanto, outros topónimos "Tecelán" están localizados en concellos do interior de Galiza, sen relación con puntas costeiras.

O COÍDO DO ESCAIRE (Bares)
Ver "O Escaire".

O CONCHAREGO (As Grañas do Sor)
Talvez debido á forma de "concha" do terreo. Non cremos que estea relacionado coa "herba concheira" (escrofularia nodosa).
O mesmo topónimo rexístrase en Brías (Muras).

O CONCHARELO (As Grañas do Sor)
Talvez debido á forma de concha do terreo.
Non cremos que estea relacionado coa "herba concheira" (escrofularia nodosa).
Existe outro "Concharelo" en Xermade.

O CONGOSTRÍN
(Mañón)

Ver "A Congostra".

O CORRUNCHIÑO (Mogor -lugar de Pumar de Vale)
Diminutivo de "curruncho", "sitio apartado, escondido".

O COTO da MODIA (Mañón)
O termo "modia" acostuma referir a unha mámoa ou túmulo primitivo. Outras veces parece referirse somente a un outeiro, a unha "mota", sen existencia de túmulo coñecida.

O COUCE (As Grañas do Sor, Mañón)
Esta palabra ten múltiples acepcións. Nestes casos viría de calce "calcañar", e designa metaforicamente un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada".
Tamen Rivas Quintas indica que o topónimo couce aparece con frecuencia cun sentido topográfico de ‘fondal’, “base de monte” (cf. E. Rivas, "Lingua galega, historia e fenomenoloxía". 1989). 

O COUCE DE MAEDA (Bares)
Ver "O Couce". Para "Maeda" vid. "A Costa de Maeda".

O COVELO (Mañón, etc)
Diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".

O CUCHEIRO (Mañón)
Posiblemente relativo a un "cocho" ("cuvil"), ou tamén a un "cucho", no snso do animal, quer co significado de "cuxo" (becerro novo) ou de "cocho" (porco).

O ENTULLO (As Grañas do Sor)
"Entullar" significa "rechear", "atascar", "atufar". O termo entullo pode significar "material que rechea", "cascallo", ou "esterco, molime".
Sen coñecermos o sitio, para un topónimo aventuramos a opción de "cascallo".

O ESCAIRE (Bares)
Probablemente, relaxación na pronuncia de "escaira" ou "escairo", especie de escaleira rústica, feita de pedras ou escavada no cómaro. Cf. aquí.
Alternativamente, relacionado co asturiano "escar " 'rocas escarpadas, terreno muy fracturado, lapiaz'. Cf. aquí.
Tamén podería estar relacionado co catalán escar 'varadoiro'.
Existe tamén en Bares "O Coído do Escaire".

O ESTEIRO (Mogor)
O apelativo "esteiro" significa o mesmo que "estuario", "enseada". Este "Esteiro" aparece xa documentado no ano 916, nun documento do rei Ordoño II que dona ao bispo de Mondoñedo a freguesía de Santa María de Mogor e máis o val de Bares. Cf. aquí (p. 20).

O ESTELEIRO (As Grañas do Sor)
Significado incerto, non cremos que teña en absoluto relación coa construción de barcos, o mesmo que tampouco a terían outros topónimos "Esteleiro" lonxe da costa, como o existente no Valadouro.

Podería vir de "estela" ("acha", cast. astilla), talvez cun significado similar a 'lugar a onde se vai recoller leña', tal como se rexistra en Asturias para o termo análogo. Cf. aquí.
Alternativamente, significado similar ao portugués estaleiro: un terreiro, un espazo de terra amplo, e despexado.

O ESVEDRAL (As Ribeiras do Sor)
Lugar onde abundan os esvedros (cast. madroño). 
Hai outro "Esvedral" no Vicedo e un "Esvidral" en Vieiro.

O FACHO (Bares)
Tamén chamado "Pedras do Facho". Lugar onde encendían unha fogueira, para guiado dos mariñeiros.
Sarmiento clarificaba semanticamente a diferencia con "facho", sinalando que "facho" era aplicado en Galicia "a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; .... Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman "faros", y si sólo para hogueras "fachos". A veces se toma uno por otro".

O FEAL (Mañón)
Un "feal" indica un herbal, un terreo que produce "feo" (cf. aquí).

O FONDÓN
(Mogor)

O lugar máis profundo, rodeado de terreos máis altos.

O FORO (Mañón, As Grañas)
Indica unhas terras suxeitas a un foro.
O termo "foro" tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e daí pasou a ter o de logo ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon o pensión anual" (cf. E. Rodríguez, Dicionario).
Decía Sarmiento "Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más..." (cf. "Onomástico etimológico de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

O FOXO (Bares), O FOXO VELLO (Mañón)
O apelativo "foxo" vén do latín  fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras".
Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a Xoán Martínez, veciño de San Pantaión e Luís Dapena, labrador de Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo.  Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999)


O FRAIXO (Mogor -lugar de Fraixo)
Probablemente, do latín fraxinus 'freixo'. No caso do topónimos con nome de árbore en singular, costuman interpretarse como referindo a unha colectividade deles. Indicaría, por tanto, un lugar onde abundaban os "freixos".
Este núcleo de poboación aparece documentado no século XVII, co nome "Freixo", como parte das posesións dos dominios territoriais do Priorato de San Miguel das Negradas. Cf. p. 178 de C. Burgo. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna", in "Estudios mindonienses" Nº. 2, 1986.

Hai outro "Fraixo" no concello de Xermade, e tamén corresponde cun núcleo de poboación.

O FRANCO (Mañón)
De "(terreo) franco", ou "(terreo do) Franco". Os topónimos "Franco" ou "Francos" son explicados nunha entrada aparte >> aquí.

O GRANXO (Bares -lugar do Porto de Bares)
O dicionario rexistra a acepción de "granxo" como "finca cercada e adicada polo xeral a monte". Cf. aquí.

O GRANXÓN (Mañón)
Posiblemente aumentativo de "granxo". Ver "O Granxo".

O GRUÑIDO (Mañón), O GRUÑIDO VELLO (Mañón)
O mesmo que "abruñido", lugar onde abundan os "abruños".
As variantes con g- para o nome desta árbore, existen desde antigo, como "gruñeiro", xa recollida por Sarmiento en Ourense. En efecto, aínda que "gruñido" non é recollido explicitamente nos dicionarios de galego, si figura recollido "gruñedo" co significado de "abruñedo"(cf. aquí E. Rodríguez. "Diccionario enciclopédico gallego-castellano").
G. Navaza recolle, na súa "Fitotoponimia Galega", este topónimo "Gruñido" de Mañón, coa acepción supradita (cf. aquí).
Existe un "Agruñido" en Galdo, e asemade, múltiples "Agruñedo", "Abruñido", "Abruñedo" noutros lugares da Galiza. Existe tamén o topónimo "Os Abruñeiros" nas Grañas do Sor.

O LOURIDAL (Mañón)
Lugar onde abundan os loureiros.

O MARCO (As Grañas do Sor, As Ribeiras do Sor, Mañón)
O termo "marco" indica a existencia, actual ou antiga, dun marco (pedra fincada no terreo, de límite territorial). A orixe deste "marco" pode ser medieval, ou miliario romano, ou tamén podería tratarse dunha pedrafita ou menhir prehistórico.

O MARIÑAO (Mañón)
Referido á orixe do posuidor, que proviría da Mariña.

O MERÁN
(As Ribeiras do Sor, Mañón)

De "Monte merán", monte con "mera", "néboa miúda". A palabra "mera" é de orixe prerromana, dunha raíz *m'r- relacionada coa auga.
Os topónimos "Mera" e "Merán" son frecuentes en Galiza. Hai mais "Merán" por exemplo en Ambosores (Muras), nas Negradas, en Galdo, etc. Hai un "Meira" en Mañón, probablemente provinte dun *mar-ia.

O MORAO (Mañón)
Talvez derivado do nome dun posuidor Moranus, se ben a presenza do artigo deixa dúbidas.
Como "curiosidade", indicar que unha publicación oficial da Xunta atribúelle unha orixe en "Morado". Crémolo improbable, a falta de documentación antiga. Desconcértanos este feito de unha páxina oficial dar por certa esa interpretación (cf. aquí).

O MUÍÑO de OCA (Mañón)
Un muiño pertencente a unha persoa de apelido "Oca".
Este apelido "Oca" probabelmente teña orixe nun dos varios lugares con este nome existentes, na actualidade ou no pasado. É un nome moi probabelmente de orixe prerromana, a partir dunha forma céltica *ok-ka, dunha raíz indoeropea *ak-/*ok- 'cortante, agudo'.
Esta forma foi estudada por E. Bascuas, como parte da interpretación dada para o topónimo "O Grove". Cf. E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17. Ver pp. 478 e ss.
É de notar que, no estudo indicado, Bascuas rexeita explicitamente calquer relación co latín occa 'enciño, angazo'.
Este apelido, non moi común, ten a súa maior frecuencia nos concellos de Mañón e nos da Mariña Occidental, maiormente no de Viveiro. Hai tamén outra zona con frecuencia deste apelido arredor de Corcubión, na Costa da Morte.
Non coñecemos ningún núcleo de poboación con este nome e Mañón; polo contrario, hai varios Oca en Galiza: na Estrada (Pontevedra), en Coristanco, en Touro, en Ames. Fóra de Galiza, temos en Burgos os montes de Oca e a antiga diócese de Oca ("Auca"), e tamén o río Oca en Biscaia.

O MUÍÑO de SABAÍDO (Mañón)
Un muiño pertencente ao "señor de Sabaído", no Barqueiro.


O NAVALLO (Mañón)
Posiblemente derivado de "nava" (chaeira rodeada de montes), do mesmo modo que se rexistra o topónimo "Os Covallos", derivado de cova.
Este apelativo aínda fica vivo en portugués, na zona de Trás-os-Montes, onde "navalho" é "pedaço de terreno húmido entre as searas que se não cultiva para que dê erva" (cf. aquí), e tamén o salmantino "navazo" 'valle pantanoso' e o aragonés "navajo" 'balsa para el ganado'. 
Hai cerca un "Os Navallos" en Riobarba, outro en Boimente, en Muras, etc.

O PEDRÓN (Mañón), O PEDRÓN DE BAIXO, O PEDRÓN DE RIBA (As Grañas do Sor)
O apelativo "pedrón" indica unha pedra fincada, unha pedrafita, e por veces simplemente un pedroulo ou pedrouzo. Cf. aquí.

O PEREIRO (Varios)
A súa orixe pode ser de pirariu, da árbore que da peros ou con petrariu ''lugar pedreiro, pedregal'.
Aínda podemos tamén pensar nun antigo posuidor do lugar que tivese tal apelido ou alcume.
Sería preciso dispor de documentación antiga ou do coñecemento da orografía da zona para diferenciar parte deles.

O PERTEGÓN
(Mañón)

Derivado de "pértega" ("vara").


O PETEIRO (As Grañas do Sor, Mañón, Mogor)
O apelativo "peteiro" indica un elemento que sobresai no terreo, por exemplo unha zona de herba alta ou incluso unha morea de mollos. Neste sentido, tamén pode ser unha "mota" ou "motillón".

O PIMPÍN (As Grañas do Sor, As Ribeiras do Sor)
Ver "A Fonte do Pimpín".

O PIORNO (As Grañas do Sor)
O "piorno" é un arbusto similar ao "codeso". Cf. aquí. Nalgunhas zonas tamén se chama "piorno" ao hórreo.

O PISÓN (As Grañas do Sor, Mañón, Mogor)
Un "pisón" é similar a un "batán", máquina composta de grandes mazos que xiran para pisar os tecidos e darlles maior consistencia.

O POLEIRO
(Mogor -lugar da Devesa)

O termo "poleiro" significa "galiñeiro", "pau no galiñeiro onde se pousan as galiñas".
Podería ter sido un alcume familiar, tal como ocorre en moitos topónimos en plural destas características, indicando por tanto a antiga pertenza á familia dese alcume.

O PRADIEIRO (Bares)
O mesmo que "pradairo", do baixo latín platanariu, unha árbore (Acer pseudoplatanus). 

O QUEIMADO
(Mañón)
Probablemente en relación con as actividades de cavar na roza. Cando se cavaba a roza, facían borralladas ao queimaren os toxos, etc, que servían de abono, para despois plantar centeo ou outros cereais.

O REGO da MODIA (As Grañas do Sor)
Ver "O Coto da Modia".

O REGO do SAPO
(Bares)

"Rego de Sapo(s)" é un topónimo frecuente en Galiza.
Aínda que o máis probable sexa que corresponda co significado obvio, tamén é interpretado cun significado hidronímico e unha orixe prerromana, posiblemente indoeuropea (cf. aquí).

O REGOÑAL
(Mañón)

Unha regoña é unha "caída ou declive dun monte onde costuma haber pastos no verán" Cf. aquí.
O composto co sufixo "-al" indicaría abundancial, aproximadamente "encostas de monte con pastos no verán".

O REQUEIXO
(As Grañas do Sor, Mañón)

O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf. aquí), ou tamén lugar apartado, nun recanto.
E. Rivas especifica que é a zona 'parte inferior do monte, ao pé do vale'. Cf. E. Rivas, "Natureza, Toponimia e fala". 2007.
Segundo E. Bascuas (cf. VERBA, 2000), viría da forma prerromana *rek-, presente en palabras como "rego" (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo".

O RESTREBÍO (Mañón, Mogor)
Lugar con restrebas, os couces das pallas ou canas de cereal, que quedan presos á terra despois da sega.

O SANGUIÑAL (Mañón)
Sitio onde abundan os sanguiños (planta).


O SARTEGO (As Grañas do Sor)
Un "sartego" significa “sepulcro de pedra, sarcófago". Podería , por tanto, significar algo relacionado cun sepulcro antigo, ou ben metaforicamente relativo á forma ou orografía do terreo.
Por outro lado, Rivas constata na zona do Valadouro a acepción de “pedregoso, mal para el cultivo” (cf. aquí). Podería, por tanto, indicar "terreo pedregoso, malo para o cultivo", e por tanto, relacionado con "Sartán".
Aínda que máis improbable, podería, en base a acepción que recolle Aníbal Otero, de "raquitismo" (cf. aquí), apuntar para o alcume de alguén.

Hai outro "Sartego", por exemplo, no concello de Aranga, así como un lugar en Muxa (Lugo), e outros en Cerceda, Cedeira, Fene e Neda, así como un lugar "Sartegos" en Trazo (Coruña).

O SERRÓN (varios, As Grañas do Sor, Mañón)
Un "serrón" nestes casos é en sentido figurado, significando "montaña apuntada e larga".
No caso do "Serrón da Brúa" podería ser, por tanto, unha "serra que brúa".

O SISTO (Mañón), O SISTO GRANDE (Mañón), O SISTO PEQUENO (Mañón)
Para Díaz Fuentes sería unha "parada nun camiño". Cf. Díaz Fuentes, no seu traballo sobre a comarca de Sarria.
Outra interpretación é como referencia a un posuidor medieval chamado Sistus. Así ocorre nalgúns casos documentados. Cf. L. Ávarez "El Tumbo de San Julián de Samos". Porén, os varios topónimos "Sistelos", "Sistelo" e "Sistelín" existentes parecen descartar esta unha orixe antroponímica e apontar máis para a interpretación de Díaz Fuentes ou similar.
Alternativamente, hai quen refere ao reparto de terras, a sextos, na época sueva. Cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987

O SOUTO (varios)
Do latín saltum, orixinariamente era "paso estreito entre montañas, rexión forestal ou bosque situado nun desfiladeiro"; despois pasou as significar "bosque de castiñeiros e por veces de carballos".
A importancia da castaña na alimentación en Galiza era máxima até a introdución da pataca, talvez por iso a abundancia dos topónimos "souto" en Galiza.

O SUMEIRO (As Grañas do Sor)
Podería derivar de "sumir" "absorber, empapar" (cf. dicionario), co que indicaría un "terreo que se encharca" ou similar. A palabra "sumir" tén orixe incerta. Corominas deriva "sumir" do latín sumere, e rexeita completamente que derive de submergere, afirmando que "por razones fonéticas es imposible".

Por outro lado, hai unha acepción en portugués para "sumeiro" de "sumento, cheio de suco", ou sexa "zumento" (aínda que non a atopamos nos dicionarios clásicos). En calquer caso é dubidoso, pois sería extraña a pronuncia "sumeiro" frente á esperada de "zumeiro".
Alternativamente, do latín summarius, no sentido de "cume, outeiro, o lugar máis alto". Rivas dálle esta acepción (cf. E. Rivas, "Natureza, Toponimia e fala". 2007). No entanto, non o atopamos recollido en ningún dicionario de galego.
Sexa como for, os topónimos "Sumeiro" e "Sumeiros" son relativamente frecuentes na toponimia galega. Así, atopamos outro "Sumeiro" en Muras.

O TALLO GRANDE (Mogor -lugar de Pumar de Vale)
Finca de pequenas dimensións (o mesmo que "lucha"). Aparte dos significados relativos a "corte", o termo tallo tamén ven no dicionario como "cuadrado de viña", ainda que ao ser neste caso unha zona de prados, non cremos que refira a esta acepción.
En portugués tamén ten o significado de "finca onde se plantan cebolas, fabas. Cf. aquí. Outra orixe podería ser dunha raíz indoeuropea *tā- 'derreterse, fluír', 'mofo', o mesmo que outros topónimos como "Tallobre" (cf. aquí).

O TORNO (As Grañas do Sor), O TORNO DO MUÍÑO (As Grañas do Sor)
Os topónimos "Torno" e "Retorno" son en xeral de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga", probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

O TOURAL (As Ribeiras do Sor)
Un "toural" é un "campo onde se fai unha feira de gado" (cf. aquí), derivado directo do latín taurale, abundancial de taurus 'touro'. Descoñecemos se este é o caso deste "Toural", aínda que semella improbable considerando o emplazamento.
Unha alternativa é unha orixe prerromana paleoeuropea, na base *taur-. De feito, E. Bascuas admite para Toural a posibilidade da orixe prerromana, aínda que tampouco rexeita totalmente a orixe no latín taurus 'touro'. Porén, en base á frecuencia de topónimos "Toural" e similares, frente á escaseza de "Boi", e tendo en conta que en Galicia xeralmente é máis frecuente o uso de "boi", considera como máis probable, por tanto, asignarlle polo xeral a Toural unha orixe prerromana. Cf. E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

O UZAL (As Ribeiras do Sor)
Lugar onde abundan as uces. Noutras zonas chámase "barcial" (de barcia) Cf. aquí.

O VEDRO (As Grañas do Sor, As Ribeiras do Sor, Bares, Mañón)
O termo "vedro" é usado para referir un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". Derivado deste caso temos por exemplo "O Vedrón" en Cabanas (O Vicedo)
Alternativamente, de "(agros) vedros", do latín vetulum ' vello'. 
Incluso habería a posibilidade remota de derivar do latín blitum, a planta Amaranthus blitum, chamada "bredo" ou "bedro". Nótese que, neste segundo caso, vedro tería unha pronuncia con "e pechado".
Como sempre, a documentación antiga axudaría.


O VENDAVAL (As Grañas do Sor)
Este nome podería ter o significado transparente do termo, talvez de "(lugar onde atacou moito) o vendaval".
Aínda que improbábel, tamén podería ter sido orixinado nunha forma prerromana, talvez de Vindo-Val, onde vindo tería unha orixe no celta *windo 'branco', xa que logo significando "vale/río Branco".

O VISO
(Mañón)

Un "viso" é "un sitio alto, sitio elevado". Cf. aquí.

O XARAL (As Grañas do Sor)
Terras de "xabre" (terra areosa dura, xeralmente formada pola descomposición do granito).
Tampouco se pode descartar a acepción alternativa de "lugar onde abundan as xaras", a planta de nome científico cistus ladanifer.
Na comarca, existe tamén "Xuxarrido", de "Xarrido" en Bares e outros "Xaral" nas Negradas, en Landrove, etc.

O XURRIÓN (Mañón)
Posiblemente derivado de "xurrar" ou "xurrear", brotar agua de un manancial, cano, etc. Por tanto, significaría "o lugar que xurra".
Os termos sinónimos "xurrio", "xurro", "zudre" teñen dúas acepcións: unha de "líquido que sae dos lugares de depósito, como latrinas e vertedoiros", e outra de "torrente, auga que escorre".
Xeralmente, o significado destes topónimos, non situados en zonas de poboación, correspondería co de "auga que escorre de chuvia, torrente".

ORTEGA (Mañón)
O dicionario defíneo como sinónimo de "ortiga", non fica claro a evolución desde o latín urtica, nin se rexistra nin na fala nin na toponimia máis "ortega".
Pode interpretarse como termo de orixe prerromana, nun tema prerromano *ort- ou *urt-, do que derivarían tamén outros topónimos como “Ortoño” (Ames), este cun sufixo -oño polo xeral ligado á toponimia de orixe prerromana. Esta mesma orixe tamén propoñemos para os topónimos dos cabos “Ortabade” e “Ortegal” (cf. X. L. González. "Apuntes da toponimia de Cariño", in "Terras do Ortegal" núm 2, 2015).

Os AGUIÚNXOS (As Ribeiras do Sor)
Diminutivo de aguia.

Os AVESÍOS (As Grañas do Sor)
Indica un lugar sombrío, na cara norte.

Os ARREDOALLOS (Mañón)
Probablemente derivado de "arredor", co significado de contorna, arredores, terreos que rodean.

Os BARCÓS (Mañón)
Posiblemente se trate dun aumentativo de "barco", no sentido metafórico da orografía do terreo. Tanto este "Barcós" como o de Cabanas (O Vicedo) son núcleos de poboación e están situados nun lombo entre encostas pronunciadas, polo que si semella ter sentido orográfico.
Por outra banda, Bascuas non descarta tampouco unha orixe hidronímica nunha forma *war-ko, a raíz indoeuropea *war- 'auga, húmido'. Así, este sufixó -ón sería de orixe prerromana, frecuente na hidronimia. Cf. p. 167 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

Os CABIRTOS (Mogor)
O mesmo que "cabritos".

Os CALVOTES (Mogor)
Lugar con pouca vexetación. Topónimo derivado de "calvo", topónimo moi frecuente en Galiza. Tanto "calvo" como "calvelo", calvela e calveira referen a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.

Os CAMBEIROS (As Grañas do Sor)
Termo derivado de "camba". Talvez relativo ao alcume dun antigo posuidor 'persoa de pernas tortas'. Porén, o termo "cambeiro" tén varias acepcións rexistradas (cf. aquí):
  • gancho, quer pau con gancho, quer gancho da gramalleira 
  • caínzo 
  • home de pernas tornas 
Noutras latitudes, Cambarius está documentado como nome de persoa, e tamén o termo cambarius é asociado con 'fabricante de cervexa'.

Os CAMPICEIROS (Mañón)
O termo "campiceiro" deriva de "campizo", o cal define o dicionario como "campo pequeno sen cultivar, onde só medran vexetais espontáneos, que non se usan máis que para broza".

Os CAMPÓS (Mañón -lugar do Morao)
Ver "O Campón".

Os CASÓS
(Mañón)

Aumentativo plural de "casa".

Os CASTELAOS (Mañón)
Sitio de orixinarios de Castela, ou ben de posuidor con apelido (ou alcume) "Castelao".

OS CATADOIROS (Mañón)
Podería vir de captatoriu(m), ben de "observación" ou ben de "caza". Existe por exemplo "O Catadoiro" en Vieiro, no Valadouro, etc.
Ver entrada do blogue referida a "Pena da Cataverna" para outras interpretacións.

OS COÍDOS
(As Ribeiras do Sor)

Un coído é un conxunto de coios, "pelouros".


OS CONCHERCOS (Mogor -lugar de Pumar de Vale)
Posiblemente relacionado con "Conxercas", tamén existente no concello.
Pendente de clarificar.

OS CORGOS
(As Ribeiras do Sor, Bares, Mogor)

Posiblemente nestes casos signifique "canos polos que escorre a auga".
A palabra "corgo" ten varios significados:
  • represa, natural ou artificial, que recolle augas cando chove. 
  • Cano: canle de distribución destas augas represadas. 
  • Corredoira: camiño estreito e profundo que discorre xeralmente entre valos, cómaros ou outras elevacións do terreo. 
Cf. aquí.


OS COUCES (Mañón)
Ver "O Couce".

OS FRANCOS (Mañón)
De "(vila d)os francos". Os topónimos "Franco" ou "Francos" son explicados nunha entrada do blog "A Pena da Cataverna" >> aquí.

Os GOLDROS (As Grañas do Sor)
O significado e orixe sería unha das seguintes:
Podería ser un alcume familiar dun antigo posuidor, xa que "goldro" significa "algo suxo, porcaría". Cf. aquí.
Podería vir tamén de "goldra", unha planta que tingue de amarelo.

Os LANZÁS (Bares -lugar da Vila de Bares)
Orixe incerta.
Podería ter unha orixe relacionada co "Lanzós" existente en Viveiro.
Alternativamente, indicando o alcume familiar dun antigo posuidor. "Lanzal" significa "alto, esbelto, arrogante".

Os LODEIROS (Mogor)
Posiblemente, referido a Lameira, terreo con lama 
Alternativamente, terreo propriedade da familia Lodeiro. 
Pode tamén ser interpretado como apelativo, referindo á árbore tamén chamada "lamigueiro", "lotus". No entanto, é altamente improbábel, dada a frecuencia deste topónimo e o infrecuente desta árbore.

Os MANXARÍS (As Grañas do Sor)
Posiblemente referindo a unhas terras pertencentes a unha familia orixinaria de Manxarín (Mosende, O Vicedo).

Os MUIMENTOS (As Grañas do Sor)
Probablemente de "os moimentos" ("monumentos fúnebres"), ou alternativamente, aínda que máis improbábel, indicando" agros pertencentes á familia dun orixinario de Moimenta.

Os NARAÍS (As Grañas do Sor)
Probablemente derivado da forma prerromana *nar-,  derivada da raíz indoeuropea *ner- ‘penetrar, mergullar’ (IEW 766), frecuente na hidronimia. De feito, neste caso trátase dunha zona de prados.
Esta raíz figura en moitos outros topónimos galegos, como Naraseixo no Valadouro, ou os coñecidos Narón, Naraío (afluente do Xubia e lugar de San Sadurniño), Neira (de *Narya). En León atopamos Camponaraya, que referencia ao río Naraya.

Os PALANCATES (Mañón -lugar do Seixo do Chao)
Un "palancate" defíneo o dicionario como 'empalizada ou estacada' e como ' poste colocado á beira do mar ou dun río para amarrar nel os cabos'. Cf. aquí.
Pode estar relacionado co elemento prerromano *pal(l)-, presente en topónimos como "A Paleira", "cavidade que serve de refuxio ou vivenda a certos animais". Cf. aquí.

OS PEREIROS (As Grañas do Sor, As Ribeiras do Sor, Mañón)
Ver "O Pereiro".

Os PISÓS (As Grañas do Sor)
Ver O Pisón.

Os POLAIMOS (Mañón)
Posiblemente referido a "Pelamio", lugar onde houbo curtidorías de pel. Cf. F. Cabeza."Os nomes de lugar". Tamén pode vir referido a posuidores que eran curtidores.
É un topónimo frecuente, incluíndo as formas "Pelaimo" e "Palaimo". A pronuncia "-o-" por "-e-" é común na articulatoria galega das vocais átonas. Así, existe, por exemplo, "Palaimo" en Ourol.

Os POLAINOS (Mogor -lugar de San Fiz)
Talvez dun alcume familiar.
Alternativamente, deturpación de "Polaimos" por interferencia do nome "polaina". Ver "Os Polaimos".

Os PORROS
(As Grañas do Sor)

Posiblemente referido a porros, incluíndo non somente os allos porros senón tamén as cebolas e allos. Cf. G. Navaza "Fitotoponimia galega".
Alternativamente, é preciso considerar que no oriente de Asturias rexístrase "porro" como 'elevación de terreo pouco pronunciada'. Corominas, a partir de Hubschmid, derivaba estes "porro" do céltico hispano *porra 'hinchazón', do celta *borr-. X. L. García defende tamén esta hipótese. Cf. comentarios aquí.
Tamén podería provir dunha raíz prerromana, co significado de "pastizal". Galmés de Fuentes, citando a Hubschmid, propón unha base *porra, *purra, *porro co significado de 'pastizal', indicando exemplos como Porroduno (Tarragona) < porro-dumum 'abundante en pastos'. Cf. p. 35 de A. Galmés. "Toponimia asturiana y asociación etimológica", 1986.

Os POUSADOIROS (Mogor)
Un pousadoiro é un poio ou similar para pousar a carga transportada ás costas e descansar.

Os QUEINCEIROS (As Grañas do Sor)
De "cainceiros", relativo a caínzos, talvez alcume. Un caínzo é un "tecido de varas", tanto onde se secaban as castañas como o que compuña as tañeiras do carro, etc.

Os SEISADOS (Mogor)
Talvez referido a "terreos seisados", partillados en seis partes.

Os SENDEÑOS (As Grañas do Sor)
Posiblemente de "vila dos Sendeños", e portanto sendo "Sendeño" o apelido familiar.
Por outro lado, "Sendeño" viría de Sentinius, un nome de orixe celta, rexistrado como antropónimo galo-romano (cf. aquí) e tamén etrusco-latino (cf. aquí).

Os SUMEIROS
(Mañón)

Ver "O Sumeiro".


Os TOELOS (Mañón)
Talvez de "lugar onde hai toelos". O dicionario define "toelo" como 'pedra que forma algunhas canteiras en comarcas galegas'.
Alternativamente, entre outras hipóteses, podería ter unha orixe hidronímica paleoeuropea, quer relacionado co topónimo "Toedo" (e en Castela "Toledo"), quer como diminutivo dunha forma *Togio, que postula E. Bascuas para topónimos similares, e derivada da raíz indoeuropea *ta- 'fluír lentamente, lama'. Cf. E. Bascuas. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia".
Hai tamén un "O Toelo" en Burela (cf. aquí), tamén como microtopónimo aplicado a zona de bosque.

Os TORNOS
(As Grañas do Sor, Mañón)

Ver "O Torno".

Os TURLÁS (Mañón)
Significado descoñecido. Talvez alcume relacionado con "terrulán" ("terco").

Os VEDROS (As Grañas do Sor)
Ver "O Vedro" .

Os XARDÍS (Mañón)
Alén do significado obvio, nalgún caso podería referir ao nome de posesor Sardinus, pois non todos os "xardís" están localizados en sitios apropiados para ser un xardín (e.g. cando están lonxe de lugares habitados).

PARDIÑAS (Bares)
O topónimo "pardiña" deriva do latín parietina "casa en ruínas, paredes", e despois pasou a ter un significado de "devesa ou terreo acoutado".

PEIZÁS (Mañón)
Sitios onde se planta o paínzo, millo miúdo.

PENAGRADE (Bares)
Probablemente de "Pena Grade", cunha orixe en pinnam Grati, forma en xenitivo do cognome latino Gratus, que indicaría o antigo posesor.

PENA XEÁN (Bares)
Moi probablemente sexa esta a pena documentada como pinnam Iuliani, no ano 916, nun documento do rei Ordoño II que dona ao bispo de Mondoñedo a freguesía de Santa María de Mogor e o val de Bares. Cf. aquí (p. 20). O termo Iuliani é a forma en xenitivo de Iulianus, indicando o nome do antigo posuidor.
No entanto, tamén podería vir de Egilani. Así, Nicandro Ares menciona un topónimo Xián, en Taboada, documentado como Egilani, de Egila, antropónimo de orixe xermánica. Cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I.

PIÑEIRO (Mañón)
O nome deste núcleo de poboación podería ser un fitónimo, indicando a existencia da árbore deste nome.
Alternativamente, podería ter orixe no xentilicio Pinarius, nome do antigo posuidor.

PORFERO (Mogor)
Posiblemente de "Porto fero". Neste contexto, "fero" tería un significado de "salvaxe, áspero". Alternatívamente, de "Pero Fero", sendo "Pero" arcaísmo por Pedro, e "Fero" un apelido ou alcume.

POR DA TRONCA (As Ribeiras do Sor)
Posiblemente de "Porto da Tronca", no sentido de cruce de río a través dun tronco grande.
No Dicionario de Madoz (1845-1850) é frecuente a alusión a pontes feitas de troncos. Por exemplo, na entrada correspondente a Avedillo: "le cruzan [a un arroio] 2 estrechos pontones de maderos, que solo sirven para el paso de las personas".
Tendo en conta, ademais, que existe unha "Ponte da Tronca" en Regosangüento, en Lago (Xove), neste caso asignamos unha orixe similar: nunha "pontiga" de madeira basada nun tronco grande. O feminino "tronca", aínda que non aparece no dicionario, actuaría de aumentativo, tal como os múltiples casos como "sacho"/"sacha".

Alternativamente, podería derivar de "Pero da Tronca", onde "Pero" é arcaísmo de "Pedro", e "da Tronca" sería apelido ou alcume.

PORMAIO (As Grañas do Sor)
Posiblemente derivado de "Porto Maio". A existencia dun "Porto Maio" no concello de Aranga parece confirmar isto, así como a de "Casmaio" en Cervo.
O termo "porto" pode referir tanto a "paso de montaña" como a "pasadoiro dun río".
Alternativamente, tamén podería derivar de "Pero Maio", onde "Pero" é arcaísmo de "Pedro", e "Maio" sería apelido.
Tamén existe outro "Pormaio" no Valadouro.

PORTO AMIGO (Mañón)
Neste caso, o elemento "Amigo" referiría ao nome do posuidor, probablemente derivado do cognome latino Amicus (cf. Kajanto, 1982).
Alternativamente, poderia vir da mesma orixe, aínda que referindo ao apelido homónimo "Amigo".
Canto ao termo "porto", referiría neste caso a "paso de montaña", máis que a "pasadoiro de río"

PORTOCARAXO (Mogor)
Composto de "Porto Caraxo", onde "Caraxo" posiblemente proveña do antropónimo *Karasio, de orixe celta.
O termo "porto" pode referir tanto a "paso de montaña" como a "pasadoiro dun río".

PUNTA DO ALMEIRO (Bares)
O termo "almeiro" defíneo o dicionario como "lugar onde se xunta o peixe, lugar onde se xuntan as gaivotas", o cal pode encaixar neste caso.
Por outra banda, Bascuas estudou este topónimo, apuntando a unha orixe prerromana e precelta, no tema paleoeuropeo *alm- estudado por Krahe, con numerosos derivados en toda europa, derivado da raíz indoeuropea *al- 'fluír'. Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

REDIZ (As Grañas do Sor)
De (uilla) Retici, forma en xenitivo de Reticus, nome do antigo posuidor desta uilla ("explotación agrícola").

REDONDELA (Mañón)
O significado directo de "Redondela", diminutivo de "redonda", podería explicar este topónimo: unha pequena uilla ou lugar de forma "redonda".
Porén, o termo "redonda", alén do seu significado obvio, tamén é empregado en galego co significado "zona ou territorio que depende e se relaciona cunha poboación, pero que se encontra afastada do centro". Por tanto, neste caso sería sinónimo de alfoz, arrabalde ou barrio, entre outros. Cf. P. Martínez, 2010 aquí.

Outra acepción posíbel do termo "redonda" tamén podería ser a que indica E. Rivas: "Zona de terreno delimitado y su documento de apeo con deslindes y demás particulares".

REGO dos FOXOS (Mañón)
Rego onde hai "foxos". O apelativo "foxo" vén do latín fovea. Un foxo indica unha furada, un furado grande. Moitas veces eran trampas para lobos e outras alimarias. Sendo en plural, entendemos que sería o significado de "rego das furadas".

Non se debe confundir "foxo" con "foso" ("foxo" = port. "fojo", cast. "hoyo", en canto que foso = port. "fosso", cast. "foso") .

RENDAOS (Mañón)
Posiblemente veña de "Os Randaos", "os orixinarios de Rande", lugar de Couzadoiro (Ortigueira).
Alternativamente, aínda que improbable, poderíamos interpretalo como derivado de "rendo" (ranetum), lugar onde abundan as ras.

Río SOR
O topónimo "Sor" tén unha orixe prerromana, a mesma do "Sar", "Ser", etc.
Para máis detalles, ver a entrada Río Sor.

SEGADE (Mañón)
O nome deste lugar proviría dun antropónimo *(uilla) Sagati, forma en xenitivo de Sagatus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica, formado a partir da raíz seg- 'compañeiro' e de hathus 'loita'. Cf. p. 339, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI.
O nome Sagatus aparece rexistrado en 816 na "Colección Diplomática de Galicia Histórica" (cf. CODOLGA).

É importante notar que a orixe xermánica do nome non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

SIÓN (As Ribeiras do Sor)
O nome deste lugar proviría dun antropónimo *(uilla) Siloni, forma en xenitivo de Silo, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").
O nome Silo sería de orixe xermánica (cf. J. Piel & D. Kremer "Hispano-gotisches Namenbuch" 1976).

SOARRUFANA (As Grañas do Sor)
Forma composta de "Su Arrufana" 'ao pé da Arrufana'. Ver "A Arrufana".

SOBRE do BARBO (Mañón)
Lugar situado sobre un sitio de nome "Barbo". En canto a Barbo, non parece moi probable que veña do peixe de río dese nome, senón da raíz indoeuropea *bher- "ferver, bulir, manancial", a mesma orixe que "Río Barba", no Vicedo. Cf. aquí, p. 804.
Existen múltiples exemplos de topónimos probablemente relacionados coa raíz *barb- que soportan esta hipótese. Así, por exemplo, na prov. de Lugo "fonte de Barbas" (Foz), Rego de Barbadelo (Sarria). Na prov. da Coruña, Río das Barbelas (Cerdido, Moeche), Barbos (Ortigueira), Rio Barboso (Laracha), Ponte da Barbela (A Capela), O Barbanza, Barbaín, Barbazán, As Barbelas, Prado da Barburiña. En Ourense. Barbantes, A Regada da Bárbora, O Barbañicas. Na prov. de Pontevedra Río Barbeira

SOVISO (Bares)
Termo composto, de so-Viso, "debaixo do Viso". Ver "O Viso".

SUASMEDAS (As Grañas do Sor)
Composto por "su-as-medas" 'debaixo das medas'.  O apelativo "meda" indica unha morea de mollos de cereal segado, aínda que pode referir tamén a "mámoa" ou, en xeral, metafóricamente, a monte cónico con punta redondeada.


TEIXIDO (As Grañas do Sor)
Sitio onde abundan as plantas chamadas "teixos".

TRALO BARGO (As Grañas do Sor)
Detrais do Bargo. Un "vargo" ou "bargo" é unha laxe ou lousa delgada, por veces usada para separar fincas.
Neste caso reflexaría, xa que logo, un lugar situado tras dunha finca chousada con bargos.
A orixe de "vargo" é prerromana, celta, o mesmo que en castelán várgano 'cada uno de los palos o estacas dispuestos para construir una empalizada'. No medieval "Liber Testamentorum" da Catedral de Oviedo menciónase "facere sepes et varganos", onde tamén semella indicar unha clase de valado ou palizada.

TRAS DO PERUCHO (As Grañas do Sor)
"Detrás do terreo do Perucho". O antropónimo "Perucho" é un hipocorístico de "Pero" (Pedro).

TARAÑÓS (As Grañas do Sor)
Moi probablemente de (terreos) taraños", relacionado coa voz "tarañeira" 'terreo pobre, pedregoso, de mala calidade'.
É un termo de orixe prerromana, posiblemente relacionado cos topónimos Taranco e Tarancos, coa mesma raíz e cun sufixo -año tamén polo xeral en topónimos de orixe prerromana.
Hai quen lle asigna unha orixe céltica, talvez de *taraneum, relacionada con Taranus, unha divindade céltica dos tronos. Cf. aquí.
Existen outros moitos topónimos similares, así outro Taraños en Cedeira, Tarañeira en Guitiriz e en Xermade, etc.

TROITÍN (Mañón)
De (uilla) Tructini, forma en xenitivo de Tructinus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica. En efecto, Piel indica que figura atestado Tructino no 960, derivándoo do gótico *draúhts 'exército, bando, séquito'. Cf. p. 371, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II.

VILAMUÍN (Mañón)
Posiblemente de *Uilla Munini, forma en xenitivo de *Muninus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina.
Este topónimo foi estudado por J. M Piel, sen chegar a unha conclusión clara, aínda que apuntando para un antropónimo *Munius, do que proviría *Muninus. Cf. J. Piel. "Novissimas achegas à história da tradição antro-toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico", in "Verba" 11 (1984). Cf. aquí

VILELA (Mogor)
Diminutivo de "vila", formado co antigo sufixo -ela. Aquí o apelativo "vila" referiría a unha uilla altomedieval, unha explotación agrícola.
Indica, xa que logo, unha pequena explotación agrícola altomedieval.

XUDRES (Bares)
Os termos "xudre", "zudre" ou "xurro" teñen dúas acepcións: unha de "líquido que sae dos lugares de depósito, como latrinas e vertedoiros", e outra de "torrente, auga que escorre".
Xeralmente, o significado destes topónimos, non situados en zonas de poboación, corresponde ao de "auga que escorre de chuvia, torrente".

XUXARRIDO (Bares)
Posiblemente de "Su-xarrido" 'debaixo do xarrido'. Un "xarrido" designa un lugar onde abunda o xarro ou xabre: unha terra areosa dura, xeralmente formada pola descomposición do granito. Cremos que esta é a acepción mais probable, sendo en Bares, pois os toponimos "Xarrido" acostuman ser en sitios de costa e praia. (Cf. imaxe aquí dunha "insua Xarrido")
Outra acepción sería de "xarrido" como lugar onde nacen a planta chamada "xarros". No entanto, nesta zona esta planta é chamada "corno".

Ningún comentario:

Publicar un comentario